Autor
Justo G. Beramendi
Justo Beramendi (Madrid, 1941) é catedrático emérito de Historia Contemporánea da USC, da que foi vicerreitor (1990-1994). Cofundador do Museo do Pobo Galego e presidente do seu Padroado, participou na creación das revistas «Negaciones» (Madrid, 1977), «A Trabe de Ouro» (Santiago, 1990) e «Tempos Novos» (Santiago, 1997). Especializado en historia das ideoloxías e dos nacionalismos, publicou entre outros libros e artigos, que hoxe chegan a case trescentos, «Miseria de la Economía» (1974) con E. Fioravanti, «Vicente Risco no nacionalismo galego» (1981), «Galicia e a historiografía» (1993), «Ethnos versus Polis? On method and nationalism» (1994), «La historia política: algunos conceptos básicos» (1999), «La España de los nacionalismos y las autonomías» (2001) con J. L. Granja y P. Anguera, «A transición en Galicia» (2007), «A Galicia autónoma» (2007) e «De provincia a nación. Historia do galeguismo político» (Xerais, 2007, 2021), obra pola que recibiu en 2008 os premios Nacional de Ensaio, Losada Diéguez de Investigación, AELG de Ensaio e da Crítica de Galicia en Investigación. Participou, entre outras, nas obras colectivas «15-M: O pobo indignado» (2011), «Á beira de Beiras. Homenaxe nacional» (2011), «Tempos chegados? Sobre o futuro político de Galiza» (2015), «As Irmandades da Fala (1916-1931)» (2016) e «Arredor das Irmandades da Fala» (Xerais, 2016). Autor ou coautor das edicións críticas das obras de Losada Diéguez (Xerais, 1985), Ramón Villar Ponte, Peña Novo, Castelao e Risco. Organizou e coeditou as actas dos congresos «Nacionalismos y regionalismos en la España de la Restauración» (1983), «Castelao» (1986), «Los nacionalismos en la España de la Segunda República» (1988), «Nationalism in Europe: Past and Present» (1993) e «Memoria e Identidades» (2004). En 2008 recibiu o Pedrón de Ouro, en 2009 conseguiu o Premio Galiza Mártir da Fundación Alexandre Bóveda e en 2017 foille concedida a Medalla Castelao.
Ver ficha