Que récords climáticos se alcanzaron en Galicia? Cales son os lugares máis calorosos? E os máis fríos? Onde chove máis? Onde se rexistran máis días de precipitación? Que zonas gozan dun maior número de horas de sol? Cales teñen maior nebulosidade? Que lugares son os máis ventosos? Como está a afectar o cambio climático a Galicia?
Partilla este libro
Sinopse
Que récords climáticos se alcanzaron en Galicia? Cales son os lugares máis calorosos? E os máis fríos? Onde chove máis? Onde se rexistran máis días de precipitación? Que zonas gozan dun maior número de horas de sol? Cales teñen maior nebulosidade? Que lugares son os máis ventosos? Como está a afectar o cambio climático a Galicia?
Neste libro atoparás as respostas a estas e a outras preguntas relacionadas co clima de Galicia e os diversos tipos de tempo que o caracterizan. Nas súas páxinas explícase como se producen os fenómenos meteorolóxicos máis habituais no noso territorio: as inversións térmicas, as néboas costeiras e orográficas, as illas de calor urbanas, os tipos de precipitación, o efecto foehn, as brisas mariñas, o arco da vella etc. A través de exemplos concretos, analízanse tamén os riscos climáticos que afectan regularmente a Galicia, como vagas de calor, temporais de neve, cicloxéneses explosivas e temporais de choiva e vento, tormentas, secas, tornados... Tamén poderás coñecer como está a cambiar o clima da nosa comunidade debido ao quecemento global e cales son os escenarios de futuro.
Colección
Básicos ciencia
Código
1327507
I.S.B.N.
978-84-9121-506-6
Publicación
13/06/2019
Clasificación IBIC
RBP
Formato
Papel
Páxinas
216
Tamaño
24 x 17 cm
Colección
Ensaio
Código
1378822
I.S.B.N.
978-84-1110-224-7
Publicación
10/11/2022
Clasificación IBIC
RBP
Formato
ePub
Autor
Alberto Martí Ezpeleta
Alberto Martí Ezpeleta (Zaragoza, 1964) é licenciado e doutor en Xeografía pola Universidade de Zaragoza. Desde 1993 é profesor titular de Xeografía Física na Universidade de Santiago de Compostela. Como especialista en Climatoloxía dirixiu varias teses de doutoramento e traballos de Grao e Máster. Ten numerosas publicacións sobre riscos climáticos, cambio climático, clima urbano, bioclimatoloxía, clima e saúde, clima e calidade ambiental, climatoloxía agrícola ou clima e turismo. Participou en varios proxectos de investigación sobre climatoloxía, cartografía e espazos naturais. Imparte docencia no Grao e no Máster de Xeografía e Ordenación do Territorio da Universidade de Santiago, e participou en diversas conferencias relacionadas co clima.
Juan Taboada Hidalgo (Vigo, 1970) é doutor en CC. Físicas pola Universidade de Santiago de Compostela. No seu período de doutoramento especializouse na dinámica do océano e a atmosfera nunha estancia de dous anos na Universidade París VI. Desde o ano 2000 traballa en MeteoGalicia, sendo na actualidade o coordinador da Predición Operativa. Na súa faceta investigadora participou en diferentes proxectos, dirixido teses e traballos de Máster e Grao. Publicou numerosos artigos sobre meteoroloxía, predición estacional, clima e cambio climático, centrándose nos efectos do cambio climático sobre aspectos como a saúde ou o sector primario tanto no mar como en terra. Unha parte significativa do seu traballo dedícase á divulgación, con numerosos artigos na prensa e conferencias e charlas tanto para estudantes como para o público en xeral.
Dominic Royé (Grevenbroich, Alemaña, 1981) é licenciado en Xeografía e Filoloxía Hispánica pola Universidade de Colonia e Universidade técnica de Aquisgrán, Alemaña. En 2015 obtivo o seu doutorado en Xeografía Física pola Universidade de Santiago de Compostela e actualmente é investigador posdoutoral na mesma universidade. As súas principais liñas de investigación son, por unha banda, a biometeoroloxía e a xeografía da saúde, a relación entre a saúde humana e o ambiente atmosférico e, por outra, a xeografía física aplicada centrada nas variables atmosféricas e no seu comportamento espacial-temporal.
Xavier Fonseca Blanco (Cangas, 1982) é licenciado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Estremadura, mestrado en Xornalismo por la Universidade da Coruña e doutorando en cambio climático no programa de Enerxías Renovables e Sostibilidade Enerxética da Universidade de Santiago. Desde 2010 exerce como xornalista científico, especializado en meteoroloxía e cambio climático, en La Voz de Galicia. No ano 2013 foi recoñecido cunha mención de honor nos premios Prismas pola súa serie diaria sobre ciencia «Historias del Tiempo» e en 2016 gañou o premio de divulgación do Centro Nacional de Física de Partículas pola serie especial sobre a Relatividade e a Mecánica Cuántica. Forma parte de Climate Reality Project, fundado por Al Gore e tamén é membro da Asociación Española de Comunicación Científica.