Ao pé de cada hora, opera prima de García-Bodaño, está organizada en catro seccións. A primeira "Oracións para os vosos nomes", susceptible de ser clasificada baixo a etiqueta de poesía civil, compón un mosaico de elexías dirixidas a figuras senlleiras da política, da arte e da literatura galega.
Partilla este libro
Sinopse
Ao pé de cada hora, opera prima de García-Bodaño, está organizada en catro seccións. A primeira "Oracións para os vosos nomes", susceptible de ser clasificada baixo a etiqueta de poesía civil, compón un mosaico de elexías dirixidas a figuras senlleiras da política, da arte e da literatura galega. As tres restantes seccións, "Pregoeira da ledicia", "O teu corpo florido" e "Ausencia e noiva baixo raíces", constitúen unha manifestación da lírica amorosa, que adquire matices de universalidade. Poesía nos dous casos, como quería Worsworth, da emoción evocada desde o recordo, elaborada reflexivamente polas forzas activas da conciencia.
O segundo poemario, Tempo de Compostela, está formado por tres seccións, que levan por título "Poemas diacrónicos", "Poemas contemporáneos" e "Poemas nominados", ás que lles hai que engadir tres textos limiares e un texto epilogal. Tempo de Compostela comeza coa introducción dunha figura ficcional, un poeta compostelán que viviu durante séculos, ó que se lle atribúe a creación de "belas composicións nacidas do seu xenio ao fío do lento pasar dos séculos ata estes nosos días de hoxe", isto é, dos poemas que integran a obra. Deste xeito atopa xustificación a presencia dos "poemas diacrónicos", compostos a imitación dunha serie de modelos textuais tomados das diferentes etapas da historia da literatura galega, desde a Idade Media ata a actualidade.
O presente volume é unha magnífica ocasión para achegármonos á traxectoria poética de García-Bodaño que abala entre o intimismo de raizame existencialista, a liña amorosa, un lirismo elexíaco, a aproximación a diversas etapas da nosa literatura e máis unha crítica mordaz da sociedade urbana.
Colección
Biblioteca das letras galegas
Código
1342052
I.S.B.N.
978-84-8302-835-3
Publicación
05/07/2002
Clasificación IBIC
DCF
Formato
Papel
Páxinas
176
Tamaño
19 x 13 cm
Autor
Salvador García Bodaño
Salvador García Bodaño (Vigo, 1935) é un tradutor de excepción para a Viaxe por Galicia de George Borrow. Estudou Dereito nas universidades de Compostela e Oviedo. Como escritor estreouse na poesía, publicando Ao pé de cada hora (1967) e Tempo de Compostela (1978). No ano 2012 outorgóuselle o Premio Cultura Galega das Letras, e en 2013 o Premio Voz da Liberdade do PEN Clube de Galicia. É membro da Real Academia Galega dende 1992.