O cambio lingüístico calla cando unha innovación fonética, fonolóxica, morfolóxica, sintáctica, lexical, semántica ou pragmático-discursiva alcanza un suficiente grao de difusión nas distintas variedades dun idioma.
Partilla este libro
Sinopse
O cambio lingüístico calla cando unha innovación fonética, fonolóxica, morfolóxica, sintáctica, lexical, semántica ou pragmático-discursiva alcanza un suficiente grao de difusión nas distintas variedades dun idioma. Estas innovacións nacen ás veces debido a impulsos que teñen que ver estritamente coa necesidade de que as linguas se manteñan como sistemas ordenados de signos, mais a miúdo responden á influencia de condicionantes extrasistémicos, nomeadamente de carácter social. A tarefa do lingüista histórico consiste en valerse de fontes de estudo sempre precarias para reconstruír a secuencia de mudanzas experimentadas por un sistema lingüístico desde un pasado adoito remoto ata o presente, así como en indagar sobre as motivacións que as propiciaron.
Moitas das páxinas deste libro están dedicadas á exposición das mudanzas fonéticas e fonolóxicas que mediaron entre o latín que os romanos trouxeron á Gallaecia no século II a. C. e o galego que chegou ás portas do século XVI. É un período moi extenso cuxa exposición non podemos subdividir, porque a escaseza dos coñecementos que temos sobre o latín galaico e o protorromance galego aínda non nolo permite. O percorrido complétase coa reconstrución das mudanzas do galego medio (sécs. XVI-XVIII) e do galego contemporáneo (sécs. XIX-XXI), que vive certamente asediado por graves problemas, mais sostido por un grupo social aínda numeroso e en condicións de desempeñar todo tipo de funcións comunicativas.
Colección
DIDÁCTICA E LINGUA
Código
1340057
I.S.B.N.
978-84-9121-187-7
Publicación
29/06/2017
Clasificación IBIC
CFF
Formato
Papel
Páxinas
704
Tamaño
24 x 17 cm
Autor
Ramón Mariño Paz
Ramón Mariño Paz (Balbargos-Noia, 1962) é catedrático de Filoloxías Galega e Portuguesa da Universidade de Santiago de Compostela, investigador do Instituto da Lingua Galega e codirector da revista «Verba (Anuario Galego de Filoloxía)». Os seus primeiros pasos no mundo da investigación deunos no campo da lexicografía, mais desde os tempos da elaboración da súa tese de doutoramento as súas pescudas orientáronse principalmente cara á historia social da lingua galega, a historia do galego escrito, a recuperación de textos dos Séculos Escuros e de principios do XIX e a fonética, a fonoloxía e a morfoloxía históricas da lingua galega. Os resultados deste traballo presentounos en distintas revistas científicas, en volumes colectivos, en congresos nacionais e internacionais e en libros como «Historia da lingua galega» (1998), «Eladio Rodríguez e a cultura galega» (2001), «A lingua galega no limiar da súa renacenza» (2003), «Historia de la lengua gallega» (2008) ou «Papés d'emprenta condenada. A escrita galega entre 1797 e 1846» (2008).