Autor/a
Fernando Pérez-Barreiro Nolla
Fernando Pérez-Barreiro Nolla (Ferrol, 1931 - Lancaster, 2010). Licenciado en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela, en 1963 trasladouse a Inglaterra, onde traballou, até 1969, como realizador, redactor e locutor de programas de radio dos servizos exteriores da BBC para España. Posteriormente foi xefe dos Servizos de Tradución da Organización Internacional do Café, onde seguiu colaborando varios anos despois da súa xubilación en 1993.
Na Universidade de Westminster obtén a licenciatura en Lingua e literatura chinesas, e no verán de 1982 estuda na Universidade de Beijing. Na década de 1990 imparte clases de tradución na Universidade de Westminster e na Thames Valley.
En 1972 publicou Macbeth, a primeira tradución ao galego dunha obra de teatro de Shakespeare. En 1982 sae en Edicións Xerais Flores e leña, onde se inclúen as primeiras traducións directas do chinés ao galego. Tamén en Xerais, en 1984 Fernando Pérez-Barreiro e Teresa Barro publican a tradución ao galego de Alicia no país das marabillas, galardoada en 1985 co Premio Nacional de Tradución de Libros Infantís e Xuvenís, do Ministerio de Cultura. En 1985 publican na mesma editorial a versión en galego de Alicia do outro lado do espello, tamén de Lewis Carroll. De 2005 é Breviario do pensamento clásico chinés, con traducións de textos filosóficos chineses, obra coa que gañou o Premio Plácido Castro.
Académico correspondente da Real Academia Galega e membro do Consello Asesor do Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (IGADI), en 2005 foille concedido o Pedrón de Honra e en 2009 a Medalla Castelao.