Traductor/a
Xela Arias
Xela Arias (Sarria, 1962-Vigo, 2003), poeta, tradutora e editora, desenvolveu o seu traballo profesional en Edicións Xerais entre 1980 e 1990. Tras licenciarse en Filoloxía, exerceu como profesora de ensino secundario ata o seu falecemento. Como poeta, publicou os libros «Denuncia do equilibrio» (1986); «Tigres coma cabalos» (1990), en colaboración co fotógrafo Xulio Gil; «Darío a diario» (1996); e «Intempériome» (2003). Posuidora dunha voz inclasificable, a súa obra poética está marcada pola innovación e unha intención transgresora da palabra. Como tradutora, verteu ao galego obras de Fenimore Cooper, Jorge Amado, James Joyce, Camilo Castelo Branco, Roald Dahl, Angela Carter, Baudelaire ou Alice Vieira, labor polo que recibiu recoñecementos como a Medalha do Prêmio de Tradução Sociedade de Língua Portuguesa, o Premio Ramón Cabanillas de Tradución ou o Premio Plácido Castro. En 2021 dedícaselle o Día das Letras Galegas.