Autor/a
Antía Yañez
Antía Yáñez (Burela, 1991), enxeñeira, xestiona unha academia en Cecebre e organiza obradoiros literarios. Como narradora, comezou escribindo relato curto, ámbito no que gañou premios como Os Viadutos, o Xaime Illa Couto ou o Certame Literario de Cambre.
Para o público infantil e xuvenil publicou as obras «O misterio de Portomarín» (2016), que ten a súa continuación en «O misterio do torque de Burela» (2019); a novela distópica «Be Water» (2019) e «Plan de rescate» (Xerais, 2020), Premio Agustín Fernández Paz pola Igualdade. En narrativa para adultos publicou a novela «Senlleiras» (2018, Premio Illa Nova) e participou no libro de relatos «Entre Donas» (2020). «O clan das barbies» (Xerais, 2024) é a súa segunda novela na colección Narrativa despois de «Non penses nun elefante rosa» (Xerais, 2022).