Fotografo
DNL
Nacín na cidade (A Coruña, 1974), mais a miña vida está alí onde atope os lugares en que a natureza estea o menos deturpada posíbel pola presenza humana. Os montes que obrigan a camiñar polo travesío, as chairas que lle dan á ollada largacía, os ceos estrelados que nos pintan de puntiños a infinidade... Eses foron e son os camiños que procura a miña mirada. Estudei bioloxía, pero turrou máis de min a fotografía e perseguín paisaxes por toda Galiza, pero tamén nas selvas tropicais, onde fotografei as fermosas luces que atravesan por entre as pólas e as follas e a duras penas chegan ao chan. Subín ao Círculo Polar Ártico onde os salgueiros só se erguen un palmo e as «luces do norte» aluman unha natureza primixenia. Tamén retratei a cidade e a xente co mesmo amor que poño nunha fraga ou nesa chuvia que tanto amola aos habitantes da urbe, incapaces de ver que esa auga é a Natureza que se nos mostra por enriba dos nosos caprichos e desexos de dominala, esa Natureza que redime o asfalto e fai xermolar unha herbiña ao pé dunha fachada. Fixen exposicións, ilustrei libros e cubertas, fotografía de cinema, videoclips, booktrailers..., pero a felicidade atópoa na emoción de poñer a cámara fronte ao cumio dunha montaña ou no mar, e agardar o milagre da luz.