Autor/a
Antonio M. Fraga
Antonio M. Fraga (Nogueirosa, Pontedeume), é escritor e enxeñeiro técnico industrial. Comeza a súa andaina como narrador en 2013, ano en que acada o Premio Merlín de Literatura infantil con «O Castañeiro de Abril». Posteriormente publicou en Xerais «Tártarus» (2016), na colección Fóra de Xogo, «Escaquis e Romeu» (2018), na colección Sopa de Libros e «Papá Caníbal» (2021), na colección Merlín.
En 2018 obtén o I Premio María Victoria Moreno de Literatura Xuvenil por «O bestiario científico de Anxos Nogueirosa», título polo que acadou o premio da Gala do Libro Galego 2019 á mellor obra xuvenil e que foi incluído na Lista de Honra IBBY do ano 2022 (Xerais, 2025).
En 2020 gaña o Premio Jules Verne de literatura xuvenil con «santoamaro», novela seleccionada na lista White Ravens de 2021 elaborada pola Internationale Jugendbibliothek de Múnic e que tamén foi distinguida co Premio Follas Novas do Libro Galego ao Mellor Libro Xuvenil do ano 2021. Con «Askja» (Xerais, 2025) conseguiu o Premio Literario Pinto e Maragota, que ten como finalidade eliminar os prexuízos e as invisibilidades que afectan a diversidade sexual e de xénero.
Fotografía do autor: Olaia Sendón.