Ilustrador/a
Alberto Vázquez
Alberto Vázquez (A Coruña, 1980), licenciado en Belas Artes pola Universidade de Valencia, cursou estudos na Escola Massana de Barcelona e en 2002 publicou «Freda», que foi seleccionado para integrar o catálogo White Ravens. Despois deste traballo virían «Psiconautas» (2006), «El Evangelio de Judas» (2007), «POE» ou «La Sombra sobre Innsmouth». A súa obra foi distinguida co Premio INJUVE de cómic e ilustración (2001), o Premio Nacional Valenciacrea (2004), o Premio Diario de Avisos ao mellor guión realista (2007), o Premio Pura e Dora Vázquez de ilustración (2007) e o Premio do público ao mellor debuxo no Salón Internacional de Cómic de Barcelona (2007). Foi membro fundador do colectivo «Polaqia», coeditor do Fanzine «Enfermo e Condorito Muerto». Colaborador habitual de «El País Semanal», Vázquez publica en revistas estatais e internacionais. En 2010 dirixiu a curta de animación «BIRDBOY», baseada no seu cómic «Psiconautas», que gañou varios galardóns como o festival internacional de Foyle e o premio ZINEBI 2010 á mellor curta vasca. Moscú, Beja, Bos Aires, Nápoles, Ourense ou La Paz son algunhas das cidades onde expuxo os seus traballos. En Xerais publicou «Verbas de sal» (2011), de Antonio García Teijeiro, os álbums de El Hematocrítico «Feliz feroz. O lobo riquiño» (2016), «Axente riciños» (2016) e «O lobo con botas» (2018), así como a colección Os Hematiños, tamén do Hematocrítico, que leva cinco títulos publicados: «Un can» (2021), «O meu irmono» (2021), «Gaivota gourmet» (2022), «Oso banda» (2022) e «Unha unicornia» (2023).