Autor/a
Kirmen Uribe
Kirmen Uribe (Ondarroa, Biscaia, 1970), licenciado en Filoloxía Vasca, cursou estudos de posgrao en Literatura Comparada en Trento. Considerado un dos máximos renovadores do panorama literario en éuscaro, é autor de proxectos multimedia nos que, en colaboración con músicos e artistas plásticos e audiovisuais, combina a literatura con diferentes disciplinas artísticas. Participou en numerosos encontros internacionais de literatura en Europa, Asia e América, e publicou en revistas de prestixio como "The New Yorker". A publicación en 2001 dos seu libro de poemas "Bitartean heldu eskutik" ("Mentres tanto dáme a man") supuxo, segundo a crítica, unha "revolución tranquila" na literatura euscalduna, recibindo o Premio da Crítica e sendo traducido a diversas linguas. Como narrador deuse a coñecer con "Bilbao-New York-Bilbao" (2008, Xerais 2010), novela que recibiu o Premio da Crítica 2008, o Premio da Fundación Ramón Ruibal á obra artística do ano 2008, o Premio do Gremio de Libreiros de Euskadi e o Premio Nacional de Narrativa 2009. Despois publicou as novelas "Mussche" ("O que move o mundo", 2012) e "Elkarrekin esnatzeko ordua" ("A hora de espertarmos xuntos", 2016, Xerais 2017).