Autor/a
Elena Gallego Abad
Elena Gallego Abad (Teruel, 1969) é escritora e xornalista cunha ampla traxectoria profesional, ligada a diversos medios de prensa e radio galegos. Membro do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) e da Federación Internacional de Periodistas (FIP), recibiu o Premio Xosé Aurelio Carracedo de xornalismo en 1998, no apartado de medios audiovisuais.
Deuse a coñecer como narradora coa saga xuvenil «Dragal», publicada por Xerais: «Dragal I. A herdanza do dragón» (2010, finalista do IV Premio Fundación Caixa Galicia de literatura xuvenil en 2009 e Premio Frei Martín Sarmiento 2012); «Dragal II. A metamorfose do dragón» (2011); «Dragal III. A fraternidade do dragón» (2012); «Dragal IV. A estirpe do dragón» (2015) e «Dragal V. O segredo do dragón» (2019).
Autora das novelas policiais «Sete Caveiras» (Xerais, 2014) e «Ata que a morte nos separe» (Xerais, 2025), da romántica «O Xogo de Babel» (Xerais, 2017), e da histórica «O legado da nena do sal» (Xerais, 2024), Elena Gallego Abad obtivo o II Premio de relatos curtos O Cabaleiro da Vila de Bouzas coa obra «A promesa» (2017). Autora de relatos publicados en diversos volumes colectivos, impartiu os obradoiros de escritura creativa «Imos Contar Mentiras», «Pontevedra Ficción» e «Proxecto Legado» (incluído no catálogo do programa Ler Conta Moito das bibliotecas públicas de Galicia 2023).
Tras asumir a dirección dunha empresa do sector sanitario, actualmente é representante territorial do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia en Pontevedra, participa en faladoiros e imparte conferencias.
Fotografía da autora: Lois G. D.