Autor/a
Andrea Maceiras
Andrea Maceiras (A Coruña, 1987) é licenciada en Filoloxía Galega, en Filoloxía Hispánica e tamén doutora pola UDC.
Publicou a súa primeira novela, ''Proxecto Bolboreta'' (Premio Micronovela do Concello de Soutomaior) no ano 2007. Desde entón leva doce obras publicadas, todas elas destinadas ao público infantil e xuvenil, e moitas delas recoñecidas con premios a nivel autonómico e nacional.
En 2010 publica ''Violeta tamurana'', Premio Meiga Moira, galardón que volve acadar con ''Miña querida Sherezade'' no ano 2014. En 2013 sae á luz a súa novela ''Nubes de evolución'', finalista do Premio Fundación Nova Caixa Galicia e Premio Fervenzas Literarias. Con ''Volverás, golfiño'' queda finalista do Premio Merlín. En 2015 gañou o Premio Jules Verne por ''Europa Express'' e en 2017 foi finalista do Premio Raíña Lupa por ''O que sei do silencio''. Con ''Conta nove estrelas'', obra incluída na lista de honra da OEPLI en 2019, gañou o Premio Lazarillo 2018, así como o Premio Frei Martín Sarmiento. En 2020 gaña o Premio dos Clubs de Lectura da Consellería de Educación e obtén o Premio Merlín por ''A folla azul''. No ano 2021 faise co Premio Raíña Lupa por ''Que me pare o corazón se te esquezo'' e, ao ano seguinte, gaña o XIX Premio Anaya coa novela ''Alma de elefante''. En 2023 gaña o XLI Concurso de Narrativa Infantil Vila d'Ibi coa novela «O enigma de Sempreviva» (Xerais, 2025).