Soños de Lunaria, de Ledicia Costas, chegará ás librarías mañá 17 de setembro para abrir un novo camiño na narrativa xuvenil e fantástica: é o primeiro romantasy escrito en lingua galega. Cunha coidada edición en tapa dura e canto tintado —a primeira edición galega en incorporar este acabado—, a obra propón unha inmersión nun universo de maxia, criaturas imposibles e segredos capaces de mudar o destino de todo un continente.
A novela segue a Kiran, o primoxénito do rei de Ainruil. Aos dezaseis anos, vive atrapado entre a responsabilidade dun trono que non desexa e o rexeitamento dun pai que despreza a súa condición de mestizo: Kiran é fillo dun humano e dunha muller lince boreal. Cando o seu nome resulta escollido na Niñada, un rito que obriga os herdeiros a entrar no temido Bosque dos Condenados, deberá sobrevivir durante sete días á persecución de cinco perigosos teriántropos.
No bosque, onde cada sombra pode ser unha ameaza, Kiran descubrirá que o verdadeiro inimigo quizais non sexa só a morte. Alí atopará a Irina do Norte, unha misteriosa licántropa de ollos de lúa coa que parece compartir un vínculo inexplicable, presente mesmo nos seus soños. Entre ambos nace unha alianza marcada pola desconfianza, o instinto, a atracción e un pasado común que pode poñer en cuestión todo o que Kiran cre saber sobre a súa familia, a súa identidade e o Tratado que mantén Lunaria sometida ao medo.
Soños de Lunaria destaca pola creación dun mundo fantástico de gran forza visual e emocional: un continente dominado pola Fabricante de Invernos, ritos crueis transmitidos como tradición, clans teriántropos, intrigas de palacio e unha loita contra un sistema de desigualdade. A novela combina escenas de acción e supervivencia cunha historia de identidade, rebeldía e afectos prohibidos.
Coa súa atmosfera escura e inmersiva, a súa compoñente romántica e unha trama chea de xiros, Soños de Lunaria reivindica o dereito a decidir quen somos fronte ás etiquetas impostas. É unha historia sobre o medo, a liberdade e o poder de manter a esperanza incluso cando todo parece perdido.
A novela sae unicamente en galego nunha mostra do compromiso da autora coa lingua e a literatura galega. Deste xeito, haberá que esperar para a tradución ao castelán, unha decisión que Xerais valora como fundamental para darlle un impulso a un xénero que triunfa entre mozos e mozas que len principalmente en castelán.
Sobre a autora
Ledicia Costas (Vigo, 1979) é unha das escritoras máis recoñecidas e traducidas da literatura galega contemporánea. A súa prolífica traxectoria abrangue diversos xéneros e públicos, sendo amplamente avalada tanto polo favor dos lectores —cos seus libros constantemente reeditados— como pola crítica e os xurados.
No ámbito da literatura infantil e xuvenil, marcou un fito coa publicación de Escarlatina, a cociñeira defunta (2014), obra coa que gañou o Premio Merlín e o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil. É tamén a única autora galega que logrou o prestixioso Premio Lazarillo en tres ocasións: por Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta (2016), A balada dos unicornios (2018) e A lebre mecánica (2022). A súa achega a este eido inclúe series de grande éxito como Os Minimortos, A señorita Bubble, Curriño e Zodiakids, ademais doutras novelas galardoadas como O corazón de Xúpiter ou O neno de lume (Premio Merlín 2021).
Na narrativa dirixida ao público adulto, consolidou a súa voz a través da colección de relatos Un animal chamado néboa (2015, Premio Losada Diéguez) e de novelas de grande impacto como Infamia (2019), Golpes de luz (2021) e Pel de cordeiro (2024). Así mesmo, cultivou a poesía, facéndose co XX Premio de Poesía Afundación co poemario Ultraluz (2023), e o álbum ilustrado con Sete dentes de león (2023).
En 2021, o conxunto da súa obra foi recoñecido co Premio da Cultura Galega. Sempre disposta a explorar novos territorios literarios, en 2026 publica Soños de Lunaria, unha obra pioneira que se converte no primeiro romantasy escrito en lingua galega.
share