Lugo acolle a próxima semana unha nova edición do encontro Polavila Docampo, unha homenaxe de carácter anual e itinerante que rende tributo ao escritor Xabier P. Docampo, falecido en 2018.
O encontro terá lugar o vindeiro xoves, 3 de abril, ás 19.00 horas, e nel participarán poetas, contadores e contadoras de contos, músicos e amizades do escritor que o recordarán sete anos despois do seu falecemento.
Trátase dun evento aberto ao público, de balde, que se celebrará no Pazo de San Marcos da Deputación de Lugo.
O acto comezará coa lectura pública de textos de Xabier P. Docampo nos xardíns do pazo (en caso de chuvia trasladarase o acto ao interior). A continuación, celebrarase unha gala conducida por Antonio Reigosa e Lois Pérez, coa presenza de Pepe Coira e Paco Martín. A festa incluirá un recital de poemas a cargo de Daniel Puente Bello, Beatriz Dourado, Marica Campo e Xosé Miranda. Ademais, Celso Sanmartín, Ana Carreira e Benxamín Otero contarán unha rolda de contos antes de que remate a homenaxe con música de A banda da loba e Benxamín Otero.
share