O xurado da XLII edición do Premio Xerais de Novela, dotado con 10.000 euros e ao que concorren 58 obras, escolleu como finalistas as obras presentadas cos lemas Merceditas Castro, O pazo das marismas e Será o noso segredo. Este ano, o equipo encargado de escoller a obra gañadora está formado por: Mar Mato (xornalista de Faro de Vigo), Bárbara Fernández López (correctora editorial e bookstagramer en @barbibooks), Aurora Prieto Tarrío (bibliotecaria da Biblioteca Pública de Verín), Ana Viqueira (xornalista en Nós TV), Xosé Antón Pedreira Mirás (libreiro en libraría Pedreira) e Xosé Manuel Moo, secretario do xurado, en representación de Edicións Xerais de Galicia, con voz e sen voto.
O xurado da XVII edición do Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil, dotado con 10.000 euros e ao que concorren 26 obras, escolleu as novelas cos lemas Arnela, Melba Bermúdez e Sosia como finalistas do premio. O xurado fórmano Jorge Rodríguez Durán (escritor), Mencía Jorge Cabaleiro (bookstagramer en @lua_soto7 e estudante de Filoloxía), Iria Gondar Iglesias (educadora social), Salomé Díaz Muñiz (profesora de lingua e literatura galega), María Bueno Seguín (xornalista), e Ramón Domínguez, secretario do xurado, en representación de Edicións Xerais de Galicia, con voz e sen voto.
O xurado da XL edición do Premio Merlín de Literatura Infantil, dotado con 10.000 euros e ao que concorren 47 obras, seleccionou como finalistas as obras cos lemas Cabalgar sobre o lombo dun lobo azul, Medomedá e Zoryana. O xurado está formado por: Ánxeles Barja Sierra (bookstagramer en @lendo_libros), Blanca Millán (ilustradora), Rosa Ana Porto Martínez (libreira en Librería Porto), Reme Vázquez (bibliotecaria infantil da rede de bibliotecas municipais da Coruña), Guillerme Rodríguez Osorio (mestre de Educación Primaria) e Anaír Rodríguez, secretaria do xurado, en representación de Edicións Xerais de Galicia, con voz e sen voto.
A próxima reunión dos xurados terá lugar a finais desta semana e o veredicto darase a coñecer o sábado 24 de maio pola mañá. Como xa é habitual, os premios entregaranse nun acto no Museo do Mar de Galicia en outubro, xa cos libros editados e publicados.
share