Xerais publicará o vindeiro 2 de xullo unha nova edición de O lapis do carpinteiro, a obra de Manuel Rivas que se converteu xa nun dos títulos máis recoñecidos e duradeiros da narrativa galega contemporánea.
A edición incorpora como agasallo un lapis de carpinteiro, un obxecto cargado de simbolismo dentro da propia novela e que dialoga coa propia obra e o seu título. Á súa vez, o volume presenta unha nova portada asinada polo deseñador Pepe Barro e adapta o seu formato ao deseño actual da colección Narrativa, na que se integra.
Publicado por primeira vez en 1998, O lapis do carpinteiro mantén unha presenza constante nas librarías desde hai case tres décadas. A obra suma xa máis de 100.000 exemplares vendidos en galego, unha cifra que a sitúa como a segunda novela máis vendida da historia de Xerais, só por detrás de Cartas de inverno, de Agustín Fernández Paz. O éxito do libro deu lugar tamén a adaptacións ao cinema e ao teatro.
Ademais, trátase da novela galega máis traducida a outras linguas (40) e foi recoñecida con galardóns como o Premio da Crítica Española, Premio Arcebispo Xoán de San Clemente, Premio da AELG, Premio Literario 50 aniversario da sección belga de Amnistía Internacional.
A través da historia de Daniel Da Barca, Marisa Mallo e o gardián Herbal, Rivas constrúe un relato que atravesa a Guerra Civil e a posguerra para explorar cuestións como a violencia, a dignidade e a persistencia do amor. O libro converteuse nun dos textos galegos de maior proxección internacional e nun referente imprescindible para varias xeracións de lectorado.
Con esta nova edición, Xerais actualiza a presenza dun dos títulos centrais do seu catálogo, o que supón unha oportunidade para achegar a novela a novas xeracións de lectoras e lectores, así como para reivindicar a súa vixencia nun contexto no que as reflexións arredor da memoria e da dignidade humana continúan plenamente actuais.
share