Os Premios da Crítica Española recoñeceron este sábado a novela Tras do Ceo, de Manuel Rivas, como a mellor de 2024 en lingua galega. A obra, publicada por Xerais, inicia unha serie negra arredor da depredación do medio por parte dos homes e chegou ás librarías o pasado mes de setembro.
O título da novela alude ao lugar onde se desenvolve a acción, un lugar que se resiste á identificación referencial e, ao mesmo tempo, epítome de moitas das Galicia reais e posibles. Un lugar onde prima a orde natural e, polo tanto, ao que só acceden uns poucos humanos, privilexiados por ser 'diferentes'. Como Dombodán, un vello coñecido para o público de Rivas. É así como xorde un conflito entre valores contrapostos, que se desenvolve nunha especie de mundo ao revés, no que a marxinalidade se converte en protagonista e no que os seres non produtivos acaban sendo os máis funcionais.
As preocupacións clásicas do autor —a violencia e o poder como vectores estruturantes das relacións interpersoais, a destrución do hábitat— reaparecen nunha "historia de alta intensidade emocional equilibrada con doses equilibradas de ironía e enxeño", tal e como describe o xurado do premio.
Ademais, o xurado explica que a novela supón "un reencontro cunha voz absolutamente canónica que aquí demostra -unha vez máis- a súa asombrosa capacidade de evolución mantendo fiel ao proxecto literario propio, singular e inconfundible".
Ademais da novela de Rivas, na categoría de poesía foi recoñecido Daniel Salgado coa súa obra Poemas realistas. Outros gañadores do premio nas demais linguas do Estado foron Joan Vigó, Adrià Targa, Karmele Mitxelena, Luis Garde, Eduardo Halfon, Tomás, Sánchez Santiago e Paul Auster.
O Premio da Crítica recoñece cada ano as mellores obras literarias publicadas en España nas categorías de ficción e poesía. Os premios non teñen ningún premio monetario, pero si contan cun prestixio único entre escritores, editores e lectores.
É o único premio que se concede nas catro linguas oficiais do Estado; en castelán, dende 1956; e en catalán, galego e éuscaro, desde 1976. Dende 2021 tamén se premia ao mellor libro en lingua estranxeira traducido a calquera destas linguas.
share