Manuel Bragado, director de Xerais entre 1994 e 2018, foi galardoado o pasado sábado 26 en Santiago de Compostela co Premio Follas Novas AGE en recoñecemento ao seu labor como editor ao longo de tantos anos á fronte de Xerais, ademais das súas múltiples responsabilidades no ámbito do libro, ben fose como presidente da Asociación Galega de Editora ou como presidente do Culturgal. O labor editorial de Manuel Bragado atinxiu tanto á edición xeral, onde mantivo un vivo diálogo con autoras e autores e consolidou o catálogo da editorial, como á edición educativa, dándolle pulo a proxectos renovadores e galeguizadores.
Durante a entrega dos Premios Follas Novas, Manuel Bragado criticou o feito de que non se desenvolvese a Lei do Libro e que, 19 anos despois, non se elaborase un Plan de Lectura, poñendo en dúbida o valor das actuais accións da Consellería de Cultura. Así mesmo, criticou con dureza que a Xunta non presentase unha avaliación de resultados do Decreto para o Plurilingüismo, argumentando que «de facelo, levaríaa á súa derogación polo seu fracaso».
Licenciado en Pedagoxía, os últimos anos da súa traxectora profesional, ata a súa recente xubilación, desenvolveunos no CEIP de Laredo, en Redondela, onde exerceu como orientador do centro, recuperando os seus inicios profesionais como mestre, perfil profesional que, como editor, lle permitiu desenvolver en Xerais un amplo labor a prol do libro educativo en lingua galega. O seu amplo coñecemento do ámbito educativo plasmouno tamén no labor que levou a cabo en Nova Escola Galega. Así mesmo, foi director de centos de proxectos de libros educativos e autor de diversos estudos sobre a edición e a lectura.
Na actualidade, Bragado continúa o seu labor como activista cultural, sendo presidente tanto da Fundación Luzes como da asociación Premios da Crítica de Galicia.
Manuel Bragado é tamén colaborador de «Faro de Vigo» dende hai catro décadas, e mantén semanalmente a sección de opinión «Campo de Granada» desde 1999, sección pola que recibiu os premios de xornalismo Gómez Román (2000) e Fernández del Riego (2014). Desde 2005 publica o blog «Brétemas», polo que recibiu os premios AELG, Fervenzas Literarias e Gala do Libro Galego á traxectoria dun proxecto literario na rede (2019).
Recentemente reeditou en Edicións do Cumio o seu libro para primeiros lectores «Dona Carme» publicado inicialmente en 1989 en Ir Indo edicións.
«Vigo, puro milagre» (2019) e «Vigo, abella da ribeira» (2023), onde escolma algunhas das súas prosas viguesas, son as súas obras máis recentes.
Foto do autor © Manuel Álvarez
share