Andrea Maceiras acadou o Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil pola novela O corvo sobre a neve.
Esta obra supón un novo estilo na túa narrativa. Como decidiches embarcarte nesta aventura distópica?
Sempre me gustaron moito as historias realistas, nas que se abordan cuestións sociais, intimistas, actuais... e, por iso, moitas das miñas novelas se enmarcan nesta liña. Porén, despois de 17 novelas publicadas, tiña moita gana de facer algo diferente. Tamén me apetecía tocar un xénero menos explorado na LIX galega. Nesta historia hai moitos compoñentes da miña narrativa anterior (a procura da identidade, cuestións climáticas...), pero tamén é unha novela de aventuras, onde a tecnoloxía e a literatura teñen un importante papel. Quería escribir unha novela moi áxil, na que as accións sucedesen a un ritmo vertixinoso e que enganchase rápido. Quería saír un pouco do que levo feito ata o momento e probar algo novo, aínda que son consciente do risco que implica esta aposta.
A obra transcende a cuestión distópica e é tamén unha análise crítica sobre como nos relacionamos coa tecnoloxía, non si?
Nas súas múltiples vertentes, a tecnoloxía é unha das cuestións que máis interese suscita na sociedade actual. A popularización das IA supón un antes e un despois na nosa forma de entender o mundo e, moi especialmente, constitúe un reto no ámbito educativo. Considero que é un bo momento para reflexionar sobre cal é a mellor forma de aproveitala e reflexionar sobre que consecuencias pode traernos, tanto negativas como positivas, especialmente de cara ás novas xeracións, para as que constituirá un elemento absolutamente cotián.
As distopías adoitan ser pesimistas sobre o futuro, porén, sempre hai un raio de esperanza. Neste caso, a esperanza deposítala nos libros. É esta unha convicción persoal?
Non concibo a vida sen literatura. Nesta novela falo do que a literatura significa para min. De feito, creo que no fondo esta historia é unha homenaxe aos clásicos da LIX xuvenil, o que se adoita coñecer como “literatura gañada”. O protagonista, Dryas, é un rapaz solitario, sen familia, que sobrevive nun contexto hostil. Ao principio, detesta os libros porque os considera obsoletos e carentes de sentido. A medida que avanza a historia, decátase de que son a súa táboa de salvación, o seu modo de facer fronte ao mundo. A literatura expón as infinitas maneiras que o ser humano tivo e ten de experimentar a vida. Creo que, realmente, todo está escrito e que só hai que atopar o libro adecuado para encontrarnos, evadirnos ou salvarnos.
Como formulaches a relación coa tecnoloxía nesta novela? Por un lado, funciona como instrumento de control, pero, por outro, tamén é unha posibilidade de conexión e memoria.
A tecnoloxía é ambivalente: depende do que queiramos facer con ela. Esta é unha idea que xa aparece na miña novela Que me pare o corazón se te esquezo, na que se aborda o tema dos retos virais. A tecnoloxía é prodixiosa, permítenos facer cousas que hai un século parecerían maxia. Pero hai que ter en conta algo esencial: non ten vontade, non posúe creatividade nin intelixencia en sentido humano e non está afectada por sentimentos, senón por quen a dirixe.
A relación entre Dryas/Kurt e o Corvo transcende os límites entre o humano e o artificial. Que nos di isto sobre a posible evolución da intelixencia artificial e as relacións?
Dryas supera a súa soidade a través da ficción. Por unha banda, está a ficción dos libros que o acompañan. Por outra, a ficción das tecnoloxías, que neste caso se materializan no Corvo, un asistente persoal tecnolóxico que ten a forma desta ave e que actúa como a súa conciencia, ao tempo que garda a súa memoria. O Corvo, creado polo pai de Dryas, ten a misión de coidalo. Parece que ten sentimentos, mesmo que o quere. Pero non deixa de ser unha criatura artificial. Probablemente, neste momento, xa hai moitas persoas (especialmente adolescentes) contándolle os seus problemas persoais a unha IA, converténdoa en amiga, confidente, psicóloga. Hai xente namorando das IA, substituíndo a súa vida social pola compaña das IA, pedíndolles consello para temas importantes. Mesmo se chegou a considerar que as IA podían acabar coa ilustración, coa escrita... As IA son útiles, pero, como acontece na novela, non poden suplir a humanidade das persoas porque carecen da emoción que nos define. Iso é algo que tamén se aborda na historia: a humanidade é un fito que as tecnoloxías non van poder acadar, por máis que sexan capaces de replicala en maior ou menor medida. Porén, resulta un tema moi interesante a nivel literario porque dá conta do que é o ser humano a través do referente de oposición, de comparación. E, polo tanto, permítenos explorar o misterio do que realmente somos, conectando con cuestións transcendentais.
Como van cambiando e reconstruíndose as identidades de Dryas/Kurt ao longo da historia?
Dryas medra e evoluciona ao longo da historia. Como en toda novela de aventuras, vive experiencias afortunadas e desgraciadas que o fan madurar. Dryas ten moito de heroe iniciático porque, no fondo, o que fai ao longo da novela é unha longa viaxe para acabar encontrándose consigo mesmo. Polo camiño, asume un cambio de identidade para protexerse, aprende a “ler de verdade” (e, como consecuencia, empeza a soñar “de verdade”), fai amizades, namora e, en definitiva, vive.
A memoria familiar e os segredos teñen un papel fundamental na narrativa. Que nos di a novela sobre como os segredos familiares nos constitúen?
Toda a historia se sustenta sobre un segredo familiar que os pais de Dryas gardaron coidadosamente para protexelo. Dryas non pode escapar a ese segredo, como non pode escapar de quen é, nin da súa familia. Creo que é un tema que conecta moito coa etapa da adolescencia: a tensión entre buscar a individualidade e a autenticidade a través da voz propia e a necesidade deslindarse da pertenza ao núcleo familiar. É un momento vital que todos e todas experimentamos e que forma parte do noso crecemento persoal.
O mundo xeado da novela funciona case como un personaxe. Foi unha maneira de plasmar aí a túa preocupación por cuestións sociais e climáticas actuais?
A natureza ten entidade propia para min, tanto na novela como na realidade. O que se describe na historia é un mundo afectado polo cambio climático que deu paso a unha glaciación. Algunhas zonas do planeta quedaron imposibilitadas para a vida, dando lugar a emigrantes climáticos. Por desgraza, a migración por factores climáticos é xa unha realidade do noso mundo. E a posibilidade dunha glaciación resulta menos ficticia a medida que se ve afectada a temperatura dos océanos e, especialmente, a chamada corrente circulatoria do Atlántico Norte. O propio nome do protagonista, Dryas, remite a un período climático acontecido hai uns 12.000 anos, o Young Dryas, o cal supuxo un antes e un despois na evolución humana.
As relacións entre os personaxes son complexas e case imprevisibles. Que nos di iso sobre a natureza humana en situacións extremas?
Somos parte da natureza e, por tanto, a natureza determínanos en boa medida. As situacións extremas sacan o peor e o mellor das persoas. O frío que envolve a historia afecta tamén ao comportamento dos personaxes, especialmente de Dryas, que se sente asfixiado polo contexto glacial en numerosas ocasións.
Como foi recibir o Premio Jules Verne por esta obra?
Unha auténtica sorpresa. Para min foi moi significativo que o xurado non recoñecese o meu estilo porque considero que é xenial poder moverme en diferentes rexistros e xéneros e porque me libera dun temor interno: o de repetirme ou “encasillarme”. Ademais, é unha historia coa que gocei moito do proceso de escrita e que me levou a reencontrarme e reler os clásicos de LIX da miña adolescencia, e lembrar por que me gustaron tanto. Valoro moitísimo que o xurado soubese ver todos estes elementos. O feito de repetir galardón coa gran escritora (e amiga) Érica Esmorís, dez anos despois, é unha desas casualidades que só se poden dar na literatura e que contribuíu a multiplicar a emoción.
O Premio Merlín, que ti gañaches, cumpre 40 edicións. Como valoras a súa contribución á literatura infantil galega?
Creo que o Premio Merlín é un referente da LIX galega en todos os sentidos. Algúns dos libros que gañaron o Merlín formaron parte das miñas lecturas de infancia e adolescencia, polo que podo valorar de primeira man o papel que xoga na formación do novo lectorado. Investir esforzos na literatura destinada ás xeracións máis novas é sempre unha aposta de futuro. E alégrome especialmente de que este ano o acade unha voz tan auténtica e profunda como a de Érica Esmorís.
share