Abril Camino acadou o Premio Xerais de Novela 2025 por Mulleres que viven xuntas, unha novela tecida cos fíos de cores do amor e da paixón, mais tamén con moitas puntadas escuras de frustración.
Cal é a orixe desta novela?
A orixe, curiosamente, estivo nunha crise de escritura, a primeira que tiven na miña carreira. Tiña varias historias na cabeza, pero ningunha me convencía de todo e levaba meses nun bucle. Ata que unha noite, no verán de 2023, estaba a falar con miña nai sobre unha vella historia familiar e... xurdiu a faísca: e se algunha desas mulleres «solteiras» que viven con outra muller non foran en realidade solteiras? Dende aí, todo veu rodado.
Ti mesma dis que esta é a historia de amor de dúas mulleres da xeración da posguerra, non a de dúas lesbianas que escoitan a Taylor Swift. Eras consciente da necesidade de facer memoria e contar tamén as historias das mulleres lesbianas nunha época especialmente difícil para elas?
Por suposto. Eu son das que pensa que ningún tempo pasado foi mellor e é algo do que son consciente dende moi nova. Aínda hoxe, agás en contextos moi concretos, non é doado para moitas persoas homosexuais saíren «do armario» ou mesmo aceptaren a súa sexualidade. Non quero nin imaxinar o que sería hai catro, seis ou oito décadas.
Esta é unha novela de pares: dúas mulleres, dous tempos (pasado e presente), un narrador en terceira persoa e outro en primeira persoa… Pensabas nesa dualidade cando escribías?
A cuestión estrutural si que a tiven moi clara dende o comezo: quería escribir os capítulos intercalados do presente e do pasado, e que foran escritos cos seus correspondentes narradores: primeira persoa presente por unha banda e terceira persoa omnisciente en pasado por outra. E o dobre protagonismo feminino era indubidable, dada a trama da novela.
Toda a historia de amor entre Chus e Isabel atravesa tamén a historia do século XX. Como foi o traballo de documentación para ter tan presentes os acontecementos históricos que teñen lugar a medida que transcorre a trama?
Son unha apaixonada da historia contemporánea e tamén da cultura pop. Os capítulos do pasado correspóndense, máis ou menos, cada un cunha década da segunda metade do século XX e dos comezos do XXI. E elixín un ou dous acontecementos para cada década/capítulo: algúns máis solemnes, coma a morte de Franco ou a aprobación do matrimonio homosexual e outros máis pop, coma a morte de Lady Di ou a de Freddie Mercury. Non precisei dunha documentación demasiado extensa, xa que son temas que teño moi presentes.
Un dos acontecementos que se recollen é a aprobación do matrimonio homosexual hai 20 anos. Que importancia ten ese feito para as protagonistas despois de toda unha vida escondidas?
Para elas é un momento agridoce, xa que si, a súa relación podería equipararse legalmente coa dunha parella heterosexual, pero a realidade social é outra. Ou, polo menos, así é como o perciben elas, sobre todo Chus. A aprobación do matrimonio homosexual para elas non supón, nin moito menos, unha saída automática do armario.
Chus e Isabel son parella pero, á vez, son dous personaxes contrapostos. Unha leva impresa a represión da sexualidade, a outra vive máis afastada dos prexuízos alleos. Esta é unha evidencia do condicionante que é o contexto social en que somos educadas, non si?
Por suposto. Coido que o contexto no que nos criamos todos é fundamental para imprimirnos unha ideoloxía, un xeito de ver o mundo. Chus recibe a típica educación da clase alta nacional-católica, polo que o camiño ata aceptar a súa sexualidade é longo e nada doado. Isabel, pola contra, criouse en Inglaterra e é obvio que a década dos sesenta, na que elas estaban na súa adolescencia ou primeira xuventude, foi moi diferente en Londres que en Compostela.
E aínda así, Chus da mostra dunha gran valentía. Como foi poñerse na súa pel para entender como vivía unha muller do seu tempo a homosexualidade?
Foi duro e triste. Eu son unha muller heterosexual nada en 1980 nunha familia moi aberta de mente, así que meterme na súa pel foi case como viaxar a outro planeta. Pero mantiven algún trazos da súa personalidade dende os primeiros capítulos, nos que tiña dezasete anos, ata o final, máis alá dos oitenta. Chus é unha vítima do seu tempo, si, pero tamén é unha muller cuns principios moi sólidos, obstinada e loitadora, aínda que ás veces poida parecer o contrario.
É este libro tamén un recoñecemento a unha xeración que viviu momentos tan duros para a diversidade?
Sen dúbida. Para a diversidade e para calquera forma de disensión coa moralidade da época. Creo que é xusto que os que nacemos con certas liberdades garantidas recoñezamos a loita ou, polo menos, o sufrimento que lles supuxo a falla desas liberdades ás xeracións anteriores.
O libro foi galardoado co Premio Xerais de Novela. Como recibiches este recoñecemento?
Como a mellor sorpresa da miña vida. Non estaba no momento de maior autoestima profesional cando recibín a nova e sentín que, dalgún xeito, o premio me reconciliaba cunha profesión da que coñecera algúns aspectos amargos nos últimos anos. Estou moi agradecida ao xurado e con moita gana de que chegue ás librarías.
share