Suso de Toro afonda nas súas reflexións arredor da literatura como ferramenta para reconstruír a historia persoal e política na súa nova novela. Conta, Sherezade, publicada esta primavera por Xerais, é unha novela en que o rol de narrador adquire protagonismo, xa que o lector asiste tamén ao proceso creativo da protagonista, unha muller que investiga o seu pasado familiar para construír a súa primeira novela. A literatura convértese así nun medio para destapar segredos e coñecer a propia identidade de Luz.
A historia xira arredor da experiencia dunha profesora de instituto, Luz, tras asistir a un curso de creación literaria que a anima a coñecer a historia da súa propia familia. A partir de aí, comeza un traballo de reconstrución que leva a cabo co apoio do profesor dese curso, a quen escribe regularmente falando dos avances na historia.
A medida que avanzan as páxinas, os lectores e lectoras viaxarán aos tempos da destrutiva guerra civil de 1936 e á represión das persoas do bando republicano. Ademais, na novela trátanse temas como a relación coa morte na sociedade actual, a sexualidade ou as relacións (e tensións) familiares.
share