Unha crise laboral sen precedentes, unha separación de parella, un pai que acaba de falecer e unha bomba no faiado da casa familiar. María Solar volve ás librarías o vindeiro 12 de marzo coa novela As malas ideas, un retrato contundente da crise vital dun home que o tivo todo no plano profesional e que, en apenas uns días, ve derrubarse a fachada da súa vida. A obra afonda na tensión entre éxito e fracaso, na precariedade das relacións persoais e no baleiro que deixa atrás unha carreira erguida sobre renuncias íntimas. Con mirada lúcida, Solar aborda o envellecemento non como unha etapa serena, senón como un proceso de perda de status, afectos e ilusións. “Socialmente asimilamos o éxito ao triunfo laboral, recoñecemento, cartos... Pero hai un éxito persoal que vai máis alá de todo iso, e iso foi o que quixen tratar nesta novela”, conta a autora.
O protagonista, Elías, é un produtor de televisión de recoñecida traxectoria que afronta unha semana decisiva: unha folga nunha rodaxe en Madeira, motivada polas condicións laborais do equipo, convértese nun desastre de imaxe pública, ao tempo que recibe a noticia da morte do pai e da separación inminente da súa muller. Arredor del desfilan personaxes como Sonia, a asistente leal; Julen, o actor vanidoso; veciños cos que apenas se relaciona, un curmán resentido e as amizades de seu pai defunto, todos eles espellos das súas decisións e omisións. A autora constrúe unha estrutura fragmentaria e polifónica que reflicte o caos interior de Elías e expón, con precisión, o contraste entre o brillo aparente da industria audiovisual e a erosión da vida privada.
Por outra banda, nunha situación vital moi diferente atópase Merceditas, unha muller maior, amiga do pai de Elías. “Ela e a súa cuadrilla poden facer balance case completo das súas vidas. Ela tamén antepuxo o traballo á vida, pero cando o traballo desaparece, convértese nun recordo, mentres a vida continúa coas cousas que construíches e permanecen”.
Con As malas ideas e despois de acadar o Premio Xerais en 2022 pola novela A culpa, María Solar achega esta radiografía incómoda da madurez en crise e das dinámicas dun sistema laboral que premia a dispoñibilidade total e penaliza o coidado dos vínculos afectivos. A novela convida a repensar as prioridades dunha sociedade que glorifica o éxito profesional mentres normaliza o abandono emocional e sinala o custo humano deste modelo.
Faino ademais cunha profunda carga de humor, o que a converte nunha obra chea de mensaxes ocultas tras unha situación disparatada, cruel, dolorosa, pero tamén tenra. “O humor xorde de levar todo ao extremo e ao absurdo. Eu gozo moitísimo das situacións que están entre o drama e o humor. Nos comportamentos dos vellos hai moito de tenrura e moito de cabreo e Elías é a vítima a quen lle explota todo o seu mundo da maneira máis inverosímil. Creo que ás veces non hai mellor camiño para tocar o corazón de quen le que chegarlle polo humor e a tenrura que pode haber nos máis terribles dramas vitais”, conta María Solar.
Presentacións
Tras a publicación da novela, o vindeiro 12 de marzo, a escritora celebrará unha serie de presentacións da novela para achegala a lectoras e lectores. A primeira terá lugar no Café Airas Nunes de Santiago de Compostela, o 13 de marzo, ás 20.00 horas.
Haberá citas tamén en Vigo (Vigodepapel, 25 de marzo ás 20.15 horas), A Coruña (Libraría Lume, 26 de marzo ás 19.00 horas), Pontevedra (Cronopios, 15 de abril ás 19.00 horas), Ourense (Libraría Eixo, 17 de abril, ás 19.30 horas), Ferrol (Ateneo de Ferrol, 24 de abril ás 19.00 horas) ou Bueu (Centro Social do Mar, 6 de maio ás 19.30 horas).
share