Lusitania será o próximo destino de Astérix e Obélix. No seu periplo anterior, os galos exploraban as nevadas terras sármatas, mais na nova edición da serie optan por un destino moi próximo para o lectorado galego. Este será o álbum número 41 e chegará ás librarías o 23 de outubro de 2025. Con esta, os seus protagonistas terán percorridos xa máis de 70.000 quilómetros nas súas aventuras, xa que a de Lusitania é a súa vixésima quinta viaxe.
En cuestión de meses, os seguidores do cómic poderán atoparse de novo cos seus protagonistas no extremo suroeste do Imperio romano, un país coñecido pola riqueza dos seus monumentos, as súas especialidades culinarias e a xenerosidade dos seus habitantes.
Na cuberta provisional do volume, os protagonistas da serie creada por Goscinny e Uderzo aparecen nunha típica calçada portuguesa. Ademais, reflíctense elementos propios da iconografía lusa como os motivos dos azulexos ou o bacalhau. “Pareceume evidente que había que render homenaxe ao formidable traballo deses artesáns que, man a man, tallaron e colocaron cada un deses lastros brancos e negros tan típicos de rúas e prazas empedradas”, conta o autor da ilustración, Didier Conrad.
De novo, Fabcaro asina o seu segundo guión da serie en compañía do ilustrador Didier Conrad. O autor do texto viaxou ao país para recoñecer os espazos e tomar fotografías da gastronomía e as paisaxes. A partir de aí, Didier Conrad elaborou o seu traballo de debuxo, incluíndo “numerosas referencias culturais”. Ademais, da versión en galego ocúpanse os tradutores Xavier Senín, Isabel Soto e Alejandro Tobar.
Fabcaro adianta que o argumento desta nova entrega xira arredor da historia “dun vello escravo lusitano que xa atopamos en anteriores números da serie e que precisará da axuda de Astérix e Obélix”.
Éxito mundial
O éxito de Astérix e Obélix pode medirse en números. As historias do dúo de galos superaron xa os 400 millóns de exemplares vendidos en todo o mundo dende a súa creación. A tirada global deste álbum número 41 será de cinco millóns de volumes e estará traducido a 19 linguas.
share