O equipo de Xerais expresa o seu fondo pesar polo pasamento do escritor e historiador Xoán Bernárdez Vilar. O autor foi un dos primeiros galardoados co Premio Xerais de Novela ao gañar a terceira edición co libro No ano do cometa, en 1986.
Nacido en Marín en 1936, aos sete anos trasládase a Vigo, onde vivirá toda a súa vida. Estuda Maxisterio na Escola Normal de Pontevedra e en 1957 convértese en traballador da desaparecida Caja de Ahorros y Monte de Piedad Municipal de Vigo. Máis tarde, entre 1990 e 1995, realizou a carreira de Xeografía, Arte e Historia na Universidade de Vigo. Colaborou no programa de radio Raíz e Tempo (primeiro programa en galego despois da Guerra Civil) de La Voz de Vigo (1965-1975), e continuou en Radio Ecca, tamén como guionista histórico.
Tamén foi asesor histórico da serie da TVG Terras de Merlín, e publicou en múltiples revistas como a do Instituto de Estudos Miñoranos, Encrucillada, Agalia, etc. Ademais, dirixiu dúas revistas, Galicia Social e Latexo.
Traduciu obras de galego, castelán, portugués, italiano, francés, inglés, e latín.
En 2003 foi nomeado Académico Correspondente da Real Academia Galega e doutor en Xeografía, Arte e Historia pola Universidade de Vigo.
Como escritor, foi autor de contos e ensaios históricos, ademais de obras como Un home de Vilameán (1990) ou A saga da illa sen noite (2001).
share