As obras cos títulos Mulleres que viven xuntas, Erin e o lobo e O corvo sobre a neve resultaron gañadoras do XLII Premio Xerais de Novela, o XL Premio Merlín de Literatura Infantil e o XVII Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil. As autoras dos textos son Abril Camino, Érica Esmorís e Andrea Maceiras, respectivamente. Cada un dos galardóns ten unha dotación de 10.000 euros.

Mulleres que viven xuntas, de Abril Camino, Premio Xerais de Novela 2025
O xurado da XLII edición do Premio Xerais de Novela acordou declarar como gañadora a obra presentada co título Mulleres que viven xuntas. Tras abrir a plica, a autora resultou ser Rocío Otero, que asina baixo o pseudónimo Abril Camino.
En 1955, despois da morte do seu pai, Isabel, que aínda non fixo os dez anos, vese na obriga de marchar para Londres, onde será acollida polos tíos. Cando en 1968 regresa á súa aldea, preto de Compostela, coñece a Chus, unha mestra que coidou da súa nai mentres ela non estaba e con quen vai iniciar unha relación de amor que durará toda a vida.
O medo ao que dirán e a manifestar de maneira aberta a súa situación sentimental en pleno réxime de represión franquista provoca que manteñan un segredo que lles vai afectar profundamente, sobre todo a Isabel, unha muller moi liberal en contraposición ás ideas máis conservadoras de Chus.
Cun estilo sobrio e cunha magnífica construción das personaxes, que van medrando a través da intercalación de distintos tempos e voces narrativas, Mulleres que viven xuntas é unha novela que interpela as lectoras e lectores para reflexionar sobre as repercusións da orientación sexual e sobre as enormes dificultades a que algunhas persoas se tiveron que enfrontar durante a represión franquista e incluso na democracia, co que iso supuxo para o desenvolvemento da súa personalidade e das súas emocións. Unha obra conmovedora tecida cos fíos de cores do amor e da paixón, mais tamén con moitas puntadas escuras de frustración pola falta de liberdade e pola dor que provoca a perda das persoas queridas.
Para a autora, a obra significa “unha homenaxe a varias xeracións de mulleres que tiveron que facer pasar como amizade sentimentos máis fondos”.
O xurado estaba composto por Mar Mato (xornalista de Faro de Vigo), Bárbara Fernández López (correctora editorial e bookstagramer en @barbibooks), Aurora Prieto Tarrío (bibliotecaria da Biblioteca Pública de Verín), Ana Viqueira (xornalista en Nós TV), Xosé Antón Pedreira Mirás (libreiro en libraría Pedreira) e Xosé Manuel Moo, secretario do xurado, en representación de Edicións Xerais de Galicia, con voz e sen voto. Nesta edición presentáronse 58 obras ao premio.
Abril Camino (Lugo, 1980)
Rocío Otero é o nome detrás do pseudónimo Abril Camino. Naceu en Lugo o 4 de decembro de 1980, aínda que vive dende sempre na Coruña. A súa paixón son os libros, feito que motivou que estudara Filoloxía Hispánica na Universidade da Coruña e, posteriormente, Filoloxía Inglesa na UNED, ao tempo que cursaba un máster en Edición e comezaba a impartir aulas de linguas (castelán, galego e inglés).
No ano 2015, despois de traballar como guionista, correctora, tradutora, profesora e editora, entre outros, decidiu virar a súa traxectoria profesional cara á creación literaria. Comezou autopublicando as súas primeiras novelas en castelán cun considerable éxito de vendas e crítica, ata que no 2018 varias editoriais tradicionais quixeron contar con ela. Publicou unha novela co grupo Urano en 2018 (Mi mundo en tus ojos), outra en Penguin Random House no 2019 (Imposible canción de amor) e tres coa Editorial Planeta entre 2022 e 2024 (Las 27 citas de Charlotte May, Nuestro último verano en la isla e La petición de Olivia). É autora de vinte novelas, sempre a medio camiño entre a novela romántica, a ficción narrativa e o xénero sentimental. Mulleres fortes, sentimentos fondos e un estilo recoñecibles son os sinais de identidade máis salientables polos que os lectores elixen os seus libros.
Ademais da súa tarefa como autora, imparte obradoiros de Escritura Creativa na Universidade da Coruña, dirixe unha empresa de servizos editoriais e é coautora do podcast de temática literaria «Desquiciadas de libro».
Para Xerais, é de gran valor incorporar unha nova voz ao seu catálogo, de carácter xeralista. Os Premios Xerais, seleccionados por xurados independentes formados por lectoras e lectores, caracterízanse por esa variedade e diversidade dos títulos que foron escollidos ao longo de toda a súa traxectoria. Neste caso, para a casa editora que convoca os premios, atraer á literatura galega autores que desenvolveron a súa traxectoria noutras linguas “é unha mostra do valor e o prestixio que ten o noso sistema literario malia as dificultades que enfronta o libro en galego, que representa só o 8% do total das vendas nas librarías galegas”.

Erin e o lobo, de Érica Esmorís, Premio Merlín 2025
Pola súa banda, a obra gañadora do XL Premio Merlín de Literatura Infantil é Erin e o lobo, escrita por Érica Esmorís. O xurado estaba formado por Ánxeles Barja Sierra (bookstagramer en @lendo_libros), Blanca Millán (ilustradora), Rosa Ana Porto Martínez (libreira en Librería Porto), Reme Vázquez (bibliotecaria infantil da rede de bibliotecas municipais da Coruña), Guillerme Rodríguez Osorio (mestre de Educación Primaria) e Anaír Rodríguez, secretaria do xurado, en representación de Edicións Xerais de Galicia, con voz e sen voto. Nesta edición presentáronse 47 obras.
Erin é unha nena que vive cos seus pais nunha cabana no medio do bosque, lonxe da civilización que nunca coñeceu. Erin ten un don: a través dos relatos que nacen dun vello libro que lle regalou o pai é capaz de comunicarse cos animais salvaxes da contorna e contarlles a historia de cada un deles, que é tamén a historia de todo o bosque.
O lobo Noite vive solitario, desterrado da manda por uns terribles feitos do seu pasado. Todos no bosque cren que é unha besta sanguinaria menos Erin, que pode ler a súa verdadeira historia no vello libro. O lobo axiña intúe que só a nena poderá axudalo a recuperar a confianza en si mesmo para deixar de vivir coma unha sombra. Pero Noite non sabe que os pais de Erin decidiron outro destino para ela.
A obra presentada baixo o título Erin e o lobo é unha intensa e emotiva novela escrita desde o corazón sobre a comuñón coa natureza, a crianza, a autoestima, as segundas oportunidades e o poder absoluto do amor. A novela narra unha temeraria aventura protagonizada por unha nena valente e un lobo solitario, na cal, segundo destacou o xurado da XL edición do Premio Merlín de Literatura Infantil, a eficaz combinación entre unha evocadora descrición de lugares e personaxes de gran carga simbólica e o ritmo áxil dunha acción ben tramada contribúe a construír un relato épico, onde as imaxes xogan un papel fundamental sen renunciar á acción e á aventura.
Para Érica Esmorís, este é un libro moi especial. “É unha historia que nace da fraxilidade, da tenrura e dos vínculos que me sosteñen”, conta. Ademais, gañar o Premio Merlín “de novo dez anos despois e facelo xunto a Andrea Maceiras fai que este momento sexa aínda máis emocionante e completo”, explica.
Érica Esmorís
Naceu unha calorosa tarde de xullo preto da praia. O sol, o mar e os libros foron, desde o principio, os seus compañeiros de viaxe. Amante dos animais, estudou veterinaria e, aínda que exerceu uns anos, deseguida cambiou o bisturí polo teclado do ordenador e unha profesión máis creativa. Traballou nalgunhas das produtoras audiovisuais máis importantes de Galicia, tanto no departamento de desenvolvemento e guión como no de dirección. Como narradora, foi recoñecida con importantes premios, como o Premio Merlín de Literatura Infantil con Nena e o mar (Xerais, 2015), o Premio de Narrativa Infantil Ciudad de Málaga e Frei Martín Sarmiento con Patio de luces (Xerais, 2020) ou o Premio Raíña Lupa de Literatura Infantil con Esta é a miña historia e terás que crela (Xerais, 2025). Outros títulos da súa autoría son O poder de Amabel (2012), traducida ao castelán, catalán e éuscaro, Ulises e as cronoamigas (2015), Quen salva un can (Xerais, 2019) ou o álbum ilustrado Analfabeta (Xerais, 2024), que asina xunto con Dani Padrón.
Xusto dez anos despois, en maio do 2025, gaña de novo o Premio Merlín de Literatura Infantil, esta vez co título Erin e o lobo.

O corvo sobre a neve, de Andrea Maceiras, Premio Jules Verne 2025
Por último, o xurado da XVII edición do Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil declarou gañadora a obra titulada O corvo sobre a neve, presentada baixo o lema Sosias, que resultou ser de Andrea Maceiras.
Intentando fuxir da Zona Temperada, a nave onde Dryas viaxaba xunto coa nai e mais o irmán pequeno é atacada. El é o único supervivente. Falamos da era da Glaciación, onde, se sobrevivir xa non é sinxelo, un pasado oculto e descoñecido e a organización da comunidade pode poñercho aínda máis complicado.
A medio camiño entre a fantasía, a ficción científica, a novela distópica e mesmo a aventura, O corvo sobre a neve é unha viaxe pola supervivencia nun mundo hostil onde os lobos parecen os únicos aliados.
Unha historia que converte a IA en coprotagonista para abordar temas como as consecuencias do cambio climático, a inxustiza social ou a emigración.
O xurado da XVII edición do Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil destacou a calidade da obra presentada, así como o bo emprego da lingua nunha narración limpa con trazos líricos cuxo final, predicible e ao mesmo tempo inesperado, contrasta coas duras vivencias dos personaxes ao longo da trama.
Que agocharán e cales serán os libros polos que a nai de Dryas sacrificou a súa vida?
A autora, Andrea Maceiras, explica que a súa intención era “crear unha distopía na que se amosan as infinitas maneiras nas que pode salvarnos a literatura”. Deste xeito, trátase dunha historia “que busca render homenaxe ás voces da LIX clásica universal mais, sobre todo, que procura o desfrute de quen se achegue a ela, do mesmo modo que para min se converteu nun refuxio mentres a escribía”, conta.
O xurado estivo composto por Jorge Rodríguez Durán (escritor), Mencía Jorge Cabaleiro (bookstagramer en @lua_soto7 e estudante de Filoloxía), Iria Gondar Iglesias (educadora social), Salomé Díaz Muñiz (profesora de lingua e literatura galega), María Bueno Seguín (xornalista), e Ramón Domínguez, secretario do xurado, en representación de Edicións Xerais de Galicia, con voz e sen voto. Ao premio concorreron 26 obras.
Andrea Maceiras (A Coruña, 1987)
Andrea Maceiras (A Coruña, 1987) é licenciada en Filoloxía Galega, en Filoloxía Hispánica e doutora pola UDC. Publicou a súa primeira novela, Proxecto Bolboreta (Premio Micronovela do Concello de Soutomaior) no ano 2007. Desde entón leva dezasete obras publicadas, todas elas destinadas ao público infantil e xuvenil, e moitas delas recoñecidas con premios a nivel autonómico e nacional. En 2010 publica Violeta tamurana, Premio Meiga Moira, galardón que volve acadar con Miña querida Sherezade no ano 2014. En 2013 sae á luz a súa novela Nubes de evolución (Xerais, 2013), finalista do Premio Fundación Nova Caixa Galicia e Premio Fervenzas Literarias. Con Volverás, golfiño (Xerais, 2014) queda finalista do Premio Merlín. En 2015 gañou o Premio Jules Verne por Europa Express (Xerais, 2015) e en 2017 foi finalista do Premio Raíña Lupa por O que sei do silencio (Xerais, 2018). Con Conta nove estrelas (Xerais, 2019), obra incluída na lista de honra da OEPLI en 2019, gañou o Premio Lazarillo 2018, así como o Premio Frei Martín Sarmiento. En 2020 gaña o Premio dos Clubs de Lectura da Consellería de Educación e obtén o Premio Merlín por A folla azul (Xerais, 2021). No ano 2021 faise co Premio Raíña Lupa por Que me pare o corazón se te esquezo (Xerais, 2022) e, ao ano seguinte, gaña o XIX Premio Anaya coa novela Alma de elefante (Xerais, 2023), obra coa que tamén acada o premio A de Literatura Infantil. En 2023 gaña o XLI Concurso de Narrativa Infantil Vila d'Ibi coa novela O enigma de Sempreviva (Xerais, 2025).
121 orixinais
Este ano presentáronse aos premios 121 orixinais, o que supón o dato de participación máis alto dos últimos anos. Tras o proceso de edición das tres obras gañadoras, Xerais celebrará unha festa de entrega dos premios no mes de outubro, cando os libros estean xa nas librarías. O acto terá lugar o sábado 11 de outubro no Museo do Mar de Galicia, en Vigo.
40 edicións do Premio Merlín
O Premio Merlín de Literatura acada este ano a súa XL edición. Para celebralo, a festa de entrega dos Premios Xerais 2025 estará centrada na literatura infantil galega e na extraordinaria colleita de títulos que ten proporcionado este galardón. Deste xeito, dende o seu nacemento, o Premio Merlín de Literatura Infantil ten premiado a autoras e autores que xa son clásicos da nosa LIX como Fina Casalderrey, Agustín Fernández Paz, Bernardino Graña, Marilar Aleixandre ou Ledicia Costas. Do mesmo xeito, algúns dos libros recoñecidos con este premio foron logo Premio Nacional de Literatura Infantil, como Escarlatina, a cociñeira defunta, de Ledicia Costas, premiado en 2014.
share