O Dicionario de Fraseoloxía Galego-Castelán Castelán-Galego, da autoría de Carme López
Taboada e María Rosario Soto Arias, recolle máis de vinte mil frases feitas, o que
supón un dos maiores repertorios lexicográficos deste tipo publicado en lingua
galega. Este dicionario fraseolóxico
bilingüe está deseñado como unha fonte de recursos e de coñecemento
idiomático útil para os falantes e para os usuarios de diferentes ámbitos da lingua,
tanto galegos como non galegos.
Partilla este libro
Sinopse
O Dicionario de Fraseoloxía Galego-Castelán Castelán-Galego, da autoría de Carme López Taboada e María Rosario Soto Arias, recolle máis de vinte mil frases feitas, o que supón un dos maiores repertorios lexicográficos deste tipo publicado en lingua galega. A información proporcionada en cada entrada dividiuse en cinco campos: a clave, a frase, o texto, o significado e a(s) correspondencia(s) no outro idioma. No campo da clave identifícase a palabra de maior peso semántico do núcleo da frase: o substantivo (con frecuencia, o primeiro en aparecer na orde de lectura), ou de non habelo, o verbo, o adxectivo e o adverbio. No campo da frase diferénciase frecuentemente entre núcleo e determinados elementos da contorna e proporciónase un certo número de variantes. No campo texto, facilítase un exemplo de uso documentado, extraído de diversos corpus lingüísticos e de fontes literarias e xornalísticas, identificadas cunha clave. No campo do significado preséntase a definición da entrada, enriquecida por información pragmática, metalingüística. No campo das correspondencias achéganse unha ou varias frases que serven para verter ese valor fraseolóxico da entrada no outro idioma. No caso do castelán, dáse prioridade ao español peninsular e só excepcionalmente se enriquece ese campo co español de América. Este Dicionario fraseolóxico bilingüe está deseñado como unha fonte de recursos e de coñecemento idiomático útil para os falantes e para os usuarios de diferentes ámbitos da lingua (académicos e profesionais), tanto galegos como non galegos.
Colección
DICIONARIOS
Código
1336032
I.S.B.N.
978-84-9121-776-3
Publicación
26/11/2020
Clasificación IBIC
CBD
Formato
Papel
Páxinas
1216
Tamaño
22 x 15.5 cm
Autor
Carmen López Taboada
López Taboada, Carme. Nace en Sendelle, Concello de Boimorto. A Coruña, 1950. Licenciada en Filoloxía pola Universidade de Santiago, combina a investigación no eido da lingüística, a creación literaria e a tradución co exercicio da docencia no IES Eusebio da Guarda da Coruña como Catedrática de Lingua Galega e Literatura.
A súa preocupación didáctica levouna a colaborar con distintos colectivos pedagóxicos e publicar diferentes obras: Guía didáctica de educación infantil o Puff (1981), O Noso Galego 4 (1984), Propostas didácticas (1984), Lingua de Bacharelato 1 (1989) e Lingua de Bacharelato 2 (1989) e outro material complementario de lingua e literatura.
No ano 1981 foi asignada en comisión de servizos á Consellería de Educación e Cultura da Xunta de Galicia para tarefas administrativas como encargada de habilitacións, exención e revisión de textos e, por orde do 1 de febreiro de 1983, foi nomeada xefa do Servizo de Normalización, Asesoramento, Promoción da Lingua Galega e Toponimia, cargo que desenvolveu ata o ano 1985 na Consellería de Educación e Cultura.
Nos anos 1990 e 91 estivo destinada, en Comisión de servizos, na Real Academia Galega desenvolvendo a actividade de redactora do Dicionario da Lingua Galega que publica esta institución no ano 1997.
É autora de obras de aplicación didáctica, Do falar e do escribir (1995), de Punto por punto (1997) e do Dicionario do seguro (1998) Tamén é coautora de diferentes publicacións de material pedagóxico para a formación de adultos: Curso superior de linguaxe xurídica (1996), Lingua galega, iniciación (2002) e Curso de linguaxe administrativa (2001) obra que se editou na súa quinta edición revisada (2007) e sexta 2009).
O traballo de investigación no ámbito lingüístico, iniciado coa publicación de Do falar e do escribir (1995), céntrase no estudo da fraseoloxía galega e tivo continuidade nas publicacións Así falan os galegos e o Dicionario de fraseoloxía galega dos que é coautora con María Rosario Soto. Neste momento están realizando o dicionario de correspondencias fraseolóxicas entre a lingua galega e a lingua castelá.Tamén forma parte do consello de redacción dos Cadernos de fraseoloxía galega do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.
Preparou o aspecto lingüístico da edición de A campaña da Caprecórneca de Otero Pimentel, e, dentro do xénero teatral, publicou O muíño baleiro (1984) amais da obra poética, Cantares (1983), que é unha achega á poesía infantil musicada por Manuel Rico. O poema "O meu neno está no berce", que se inclúe nesta publicación, foi gravado por Manuel Rico, Fuxan os ventos, Rosa Cedrón e Xabier e Guillerme e incluído na Antoloxía da poesía infantil galega, Os ecos do bilurico e na Antoloxía da poesía infantil galega O libro dos cen poemas.