Logo Xerais

Info autor/a

Reimóndez, María

(enviar correo)

MARÍA REIMÓNDEZ (Lugo, 1975) é tradutora e intérprete de profesión e feminista por convicción. O seu primeiro libro publicado foi o poemario Moda Galega (2002), ao que regresou nunha reescrita dez anos máis tarde en Moda Galega reloaded (2013); posteriormente publicou kleinigkeiten/cousiñas (2013) e Presente continuo (2013). En 2017 gañou o Premio de Poesía Johán Carballeira con Galicia en bus. Como narradora, é autora de seis novelas: O Caderno de Bitácora (2004), premio de novela Mulleres Progresistas 2003; O club da calceta (2006), finalista do Premio Xerais 2005, Premio Arcebispo San Clemente 2007, traducida ao castelán, italiano e francés, e adaptada á escena e ao cine; Pirata (2009), traducida ao italiano; En vías de extinción (2012), traducida ao castelán; Dende o conflito (2014), Premio Xerais de Novela; A música dos seres vivos (2015); A dúbida (2016), Premio La Voz de Galicia de Novela por Entregas; As cousas que non queremos oír (2017) e As estacións do lobo (2019). No ámbito da literatura infantil e xuvenil é autora de Usha (2006), finalista do Premio Merlín 2005, Lía e as zapatillas de deporte (2008), O monstro das palabras (2009), Volvo! O regreso de Usha (2014), Corredora (2017) e Fóra do normal (2018), Premio Agustín Fernández Paz de Narrativa Infantil e Xuvenil pola Igualdade. Como ensaísta publicou A alternativa está aquí (2014), Feminismos (2013), en coautoría con Olga Castro e Corpos exorbitantes (2017), Premio Xohana Torres de Ensaio. En 2015 a AGE concedeulle o Premio Xosé María Álvarez Blázquez ao autor/a do ano. É fundadora da ONG de cooperación ao desenvolvemento Implicadas. Fotografía: Iván Reimóndez. O seu relato "A esencia da cidade'' pode ser descargado en pdf: http://blog.xerais.gal/wp-content/uploads/2016/11/A_esencia_da_cidade.pdf

As súas obras como autor/a