Autor
Chus Pato
Chus Pato (Ourense, 1955) é poeta. Académica de número da Real Academia Galega, é vogal do padroado da Fundación Euseino?, pertence á directiva do padroado da Fundación Rosalía de Castro e ao padroado da Fundación Uxío Novoneyra. Publicou os seguintes libros: «Urania» (1991), «Heloísa» (1994), «Fascinio» (1995), «Nínive» (Xerais, 1996, Premio Losada Diéguez), «A ponte das poldras» (1996), «m-Talá» (Xerais, 2000), «Charenton» (Xerais, 2003), «Hordas de escritura» (Xerais, 2008, Premio Nacional da Crítica, Premio Losada Diéguez e Premio Mondoñedo10), «Secesión» (2009), «Carne de Leviatán» (2013, Premio Irmandade do Libro), «Un libre favor» (2019) e «Sonora» (Xerais, 2023), Premio Nacional de Poesía 2024.
A Erín Moure débenselle os seguintes volumes con traducións ao inglés: «From m-Talá» (Nomados, 2003), «Charenton» (Shearsman Books & BuschekBooks, 2007), «m-Talá» (Shearsman Books & BuschekBooks, 2009), «Hordes of writing» (Shearsman Books & BuschekBooks, 2011), «Secession/Insecession» (2014), «Flesh of Leviatan» (Omnidawn Publishing, 2016) e «The Faces of the Quartzes» (Veliz Books, 2021). Ao español ten traducidas: «Un Ganges de palabras», antoloxía bilingüe galego-español preparada por Iris Cochón (CEDMA, Puerta del Mar, 2003), «Heloísa» (trad. Xosé Manuel Trigo, Ediciones La Palma, 1998), «m-Talá» (trad. Teresa Arijón e Bárbara Belloc, Pato-en-la-cara, 2009), «Hordas de escritura» seguido de «Secesión» (Amargord, 2013), «Carne de Leviatán» (Amargord, 2016), «Poesía reunida» (en 3 volumes: Ultramarinos Editorial, 2017, 2019, 2022). Tradución ao catalán: «Antoloxía» (trad. Gonzalo Hermo e Adrià Targa i Ramos, Universidade de Lleida, 2020). Traducións ao portugués: «Carne de Leviatã» (Douda Correria, Lisboa, 2016) e «Um fémur de voz correo a galope» (antoloxía, Officium Letonis, 2022). Tradución ao búlgaro: «Leviatan i drugi istorii» (trad. Tsvetanka Elenkova, Small Stations, 2016). Tradución ao holandés: «Finisterra» (trad. Mariolein Sabarte, Uitgeverij Perdu, 2017). A poesía de Chus Pato conta, así mesmo, con traducións ao serbio, ao polaco, ao alemán, ao italiano, ao árabe clásico e a outros idiomas, e está incluída en prestixiosas antoloxías de ámbito nacional, estatal e internacional entre as que destacamos: «Antoloxía consultada da poesía galega (1976-2000)» (Lugo, Arturo Casas ed., Tris Tram, 2003), «Pótwysep w wierszach» (Warszawa, Wydawnictwo Ksiazkowe IBIS, 2006), «New European poets» (Saint Paul, Minesota, Wayne Miller and Kevin Prufer, Graywolf Press, 2008), «Poeti spagnoli contemporanei» (Alessandria, Emilio Coco, Edizioni dell´Orso, 2008), «20 canadian poets take on the world» (Ontario, Edited and introduced by Priscila Uppal, Exile Editions, 2009), «To the winds our sails; Iris writers translate Galician poetry» (Dublín, Salmon Poetry, Mary O`Donnell e Manuela Palacios, 2010) e «Contemporany Galician Poets» (A poetry Review Supplement), selected and translated by Jonathan Dunne (2010). Foi invitada aos festivais internacionais de Barcelona, Rosario, A Habana, Bos Aires, Bratislava , Rotterdam e Antwerpen.
No ano 2018 a Chus Pato foille concedido o Premio Clara Campoamor e en 2024 o Premio Nacional de Poesía por «Sonora».
(Fotografía da autora: Anxo Cabada.)
Ver ficha