A presente Historia da Literatura Infantil e Xuvenil Galega é o resultado dun traballo conxunto no que participa un grupo de profesionais que levan anos vinculadas á investigación neste eido, baixo a coordinación de Blanca-Ana Roig Rechou.
Partilla este libro
Sinopse
A presente Historia da Literatura Infantil e Xuvenil Galega é o resultado dun traballo conxunto no que participa un grupo de profesionais que levan anos vinculadas á investigación neste eido, baixo a coordinación de Blanca-Ana Roig Rechou. A súa principal pretensión é cubrir o baleiro existente ao redor do coñecemento sistemático da produción que se destina ao público lector infantil e xuvenil, na actualidade felizmente canonizada e que conta xa con auténticos clásicos que conviven coas voces que se foron incorporando ao longo dos anos, como reflicte este traballo.
A partir da organización secuencial en séculos, e seguindo a metodoloxía establecida polas teorías sistémicas e as achegas doutros paradigmas teóricos, os seis capítulos nos que se estrutura o volume van conformando un percorrido historiográfico no que se describen as diferentes etapas existentes na constitución do sistema literario infantil e xuvenil, atendendo aos factores e axentes que propiciaron a súa conformación e asentamento, e á análise das obras dos xéneros literarios canónicos.
As investigadoras que realizaron este traballo (Blanca-Ana Roig Rechou, Eulalia Agrelo Costas, Pilar Bendoiro Mariño, Mar Fernández Vázquez, Carmen Ferreira Boo, Isabel Mociño González, Marta Neira Rodríguez e Isabel Soto) están vinculadas ás seguintes iniciativas e institucións que acollen a Literatura Infantil e Xuvenil: o Grupo de Investigación LITER21 «Literatura galega. Literatura Infantil e Xuvenil. Investigacións literarias, artísticas, interculturais e educativas» da USC; a Rede temática de investigación «Las Literaturas Infantiles y Juveniles en el Marco Ibérico e Iberoamericano» (LIJMI); os proxectos «Informes de Literatura» e «Investigación en Literatura Infantil e Xuvenil» do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades; a Asociación galego-portuguesa de investigación en Literatura Infantil e X/Juvenil ELOS, e a Asociación de investigación en Literatura Infantil e Xuvenil ELOS-Galicia.
Colección
Xerais Universitaria
Código
1327142
I.S.B.N.
978-84-9914-845-8
Publicación
07/05/2015
Clasificación IBIC
DSY
Formato
Papel
Páxinas
504
Tamaño
23.5 x 17 cm
Autor
Blanca Ana Roig Rechou
Blanca-Ana Roig Rechou é profesora de Literatura Galega e Literatura Infantil e Xuvenil nas Facultades de Filoloxía e Ciencias da Educación da Universidade de Santiago de Compostela, onde coordina o Grupo de Investigación LITER21 «Literatura galega. Literatura Infantil e Xuvenil. Investigacións literarias, artísticas, interculturais e educativas» (GI-1839). Investigadora no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, directora neste centro dos proxectos «Informes de literatura» e «Investigación en Literatura Infantil e Xuvenil», e colaboradora dos proxectos «Dicionarios de Literatura». Investigadora principal da Red Temática de Investigación «Las Literaturas Infantiles y Juveniles en el Marco Ibérico e Iberoamericano» (LIJMI). Presidenta da Asociación Nacional de Literatura Infantil y Juvenil (ANILIJ). Membro da Asociación Galego-Portuguesa de Investigación en Literatura Infantil e X/Juvenil ELOS, da Asociación Nacional de Investigación en Literatura Infantil y Juvenil (ANILIJ) e de ELOS-Galicia. Autora de monografías e diferentes traballos sobre Literatura galega e Literatura Infantil e Xuvenil. webspersoais.usc.es/persoais/blanca.roig/
Isabel Soto comezou o seu labor profesional como investigadora no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, onde participou en proxectos relacionados coa literatura galega e a teoría da literatura. Alén da súa actividade como crítica literaria en diferentes medios, foi secretaria de "Golfiño" e GÁLIX, colaborou na "Historia da Literatura Infantil e Xuvenil Galega" (Xerais, 2015) e editou os ensaios de Agustín Fernández Paz nos volumes "O rastro que deixamos" (Xerais, 2012) e "Un mundo de palabras" (Xerais, 2017). Na actualidade, dedícase sobre todo á tradución -en ocasións, canda Xavier Senín-, á edición e á divulgación da LIX. É coautora do libro "María Victoria Moreno. Sementadora de futuro" (Xerais 2018).