Xurxo Souto convida aos lectores de Contos da Coruña a unha apaixonante viaxe ao fondo da memoria desta cidade e dos seus barrios populares, As Xubias, Eirís, Os Castros, A Gaiteira, Oza, O Montiño, Monelos, Elviña, Fontán, San Roque, O Labañou, que resumo son da Galicia toda.
Partilla este libro
Sinopse
Xurxo Souto convida aos lectores de Contos da Coruña a unha apaixonante viaxe ao fondo da memoria desta cidade e dos seus barrios populares, As Xubias, Eirís, Os Castros, A Gaiteira, Oza, O Montiño, Monelos, Elviña, Fontán, San Roque, O Labañou, que resumo son da Galicia toda. A Coruña que Xurxo Souto contempla colectivamente tracexada como unha cidade de músicos e navegantes, entre o palco da festa e o peirao do Muro, polo toque do acordeón e o golpe de mar.
Xurxo Souto descúbrenos unha cidade inédita para os medios de comunicación: a Coruña como unha cidade atlántica (onde sopra o vento de Nova York), enxebre e cosmopolita; como unha pedra chantada no océano; como unha cidade que naceu do mar e no mar ha ter o seu futuro.
Contos da Coruña é un primeiro e único manual de épica cascarilleira. Velaquí as grandes historias de heroes anónimos da Coruña como o Periquete, o patrón máis novo que mandou un pesqueiro de altura; os percebeiros da Punta Herminia; Pucho Boedo e Sito Sedes, cantantes preciosistas; o ciclista Clemente; ou Manuel Cajaraville, o gran bailador de Aturuxo e Cantigas da Terra. Velaquí un periplo tasqueiro insólito, que nos leva dende o Bar Los Claveles, sede do esplendor da tapa de orella prensada, ata A Toquera, refuxio de mariñeiros, ou á apoteose de os Peteras dos Belés, taberna fermosa no medio das torres de Monelos. Velaquí un libro que recolle tamén a primeira antoloxía do cantigueiro cascarilleiro, inzada de emocionantes repichocas e cantareas de historias lindas da memoria popular.
Contos da Coruña é, pois, un convite fraternal para armar un poderoso periplo tasqueiro no que procurar toda a xenerosidade gastronómica das nosas comarcas e das terras estremeiras de Galicia, agora felizmente cartografadas nos bares, tascas, baiucas e adegas do vello plano da Cidade do faro. Contos que arroutan o peito e aclaran a gorxa para nos dicir quen somos e que facemos neste curruncho da Humanidade ao que ben chamamos Galicia.
Colección
CRÓNICA
Código
1345850
I.S.B.N.
978-84-9782-633-4
Publicación
12/07/2007
Clasificación IBIC
FYB
Formato
Papel
Páxinas
264
Tamaño
22 x 14.5 cm
Autor
Xurxo Souto
XURXO SOUTO (1966). Terrícolo redondo. Naceu na Coruña, cidade-barco, mais nada sabía das cousas do mar. Así que comezou a preguntar e a compartir polo medio que for tanta descuberta. No ano 1999 gravou cos Diplomáticos de Monte-Alto o CD «Capetón», nome en galego do mar de Cape Town, na fin de África. En 2006 dirixiu o programa «Mil Ribeiras», na Radio Galega. Escribiu «Contos do mar de Irlanda» (Xerais, 2014) e a novela «A gran travesía de Chiruca Macallás» (Xerais, 2018). Dúas décadas despois da súa aparición, recuperamos (en clave celebración) a primeira parte deste libro: «O retorno dos homes mariños» (Xerais, 1999, 2020), o relato dunha verdadeira iniciación oceánica. Porque, como dixo Staffan Mörling: «Non vivimos na fin da Terra, nós vivimos no centro do Mar».
"Somos un pobo de artistas. O método Luísa Villalta (Xerais, 2024) é a súa última obra.
(Foto do autor: Sofía de Labañou)