Autor/a
Anxo Moure
Estraño contacontos que se considera realmente un atrapador de contos, nacido o día dos santos inocentes do ano 1963. Coñecido como o Carballo con Botas e herdeiro da tradición do "Barón Rampante" de Italo Calvino e do realismo máxico de Álvaro Cunqueiro, os seus contos xa están no maxín de varias xeracións de alumnas e alumnos de centros escolares de Galiza, Euskadi, Castela-A Mancha, O Bierzo, Portugal..., e mesmo na selva amazónica peruana de Iquitos.
É o inventor da Ciclobiblioteca, a Titiricleta, o Paztinete, o Nubinete, a Barca dos Contos ou o Paraugas Dameaugas... aparellos cos que chega a bibliotecas, prazas, centros culturais ou escolas para contar os seus contos.
Actualmente mora enriba dunha árbore no Eco Espazo Casa nas Árbores de Garabelos, onde traduce á linguaxe dos seres humanos o falar do vento coas árbores, o caer das pingas nas follas, o canto dos merliños, paporroibos e curuxas.
As súas historias transfórmanse tamén en bicicletas para mestres e médicos de Latinoamérica, Asia e África dentro do proxecto Bicis pola Paz, e tamén en lapiseiros e material escolar para as nenas e nenos refuxiados dos campamentos de Tinduf, no deserto do Sahara, dentro do Proxecto Sahariza; así como en miles de árbores plantadas nos bosques galegos dentro do proxecto Plantabosques. Todo este traballo solidario se plasma no portal web www.contosolidarios.org
A súa traxectoria foi recoñecida en numerosas ocasións: Premio de Educación Ambiental en Galicia 1990; Premio á Mellora da Calidade de Vida Agronatura 1991, Premio Laranxa do Colexio de Montefurado, Premio Osíxeno de Adega 2010. E moitas das súas historias foron publicadas en formato libro, como "Plantarse", "Tío Teixo", "O paraugas dameaugas", "A xacia Luviñas", "O Carballo con Botas" ou "Salgadiña, a estrela de Fisterra". "A música das árbores" (2015), en coautoría con Servando Barreiro, é a súa primeira obra en Xerais.