Autor/a
Ana Acuña
Ana Acuña (Marín, 1971), doutora en Filoloxía Galega e profesora na Universidade de Vigo, é autora de traballos sobre lingua e literatura, particularmente galega. Foi secretaria de Madrygal. Revista de Estudios Gallegos e integra o seu consello de redacción, pertence ao comité editorial da Revista de Investigación en Educación e ao consello asesor de Culturas Populares. Revista Electrónica. A maioría das súas investigacións (centradas no exilio e na emigración, nas relacións entre a fraseoloxía e a literatura popular, na literatura popular de transmisión oral, na oratura, no feito literario alofónico e nos escritores pontevedreses ou vinculados á cidade de Pontevedra) encóntranse en publicacións periódicas e en volumes colectivos.
Entre as súas monografías destacan os ensaios Xoán Vidal. Voz e memoria (2005), Dicionario Xosé María Álvarez Blázquez (2008), Roteiro Xoán Manuel Pintos (en coautoría, 2011) e as edicións Pontevedra literaria (en coedición, 2007), Os poetas galegos (1936): antoloxía consultada de Xosé Filgueira Valverde (en coedición, 2008), Poesía completa de Lois Pereiro (Xerais, 2011) e Conciencia política e literatura galega en Madrid (1950-2000) (Xerais, 2014).
Participou, como investigadora externa, no proxecto poesiagalega.org e, na actualidade, no proxecto «Ex-sistere. A mobilidade das mulleres na literatura galega e irlandesa contemporánea».