Autor/a
Héctor Carré
Héctor Carré (A Coruña, 1960) é director de cine e escritor. Publicou as novelas «Diario do impostor» (Xerais, 2007) e «Hai que matalos a todos» (Xerais, 2015) e gañou o Premio Jules Verne coa novela «Febre» (Xerais, 2011), que tamén foi recoñecida como Mellor libro xuvenil do ano polos lectores/as de Fervenzas Literarias. Así mesmo, obtivo o Premio Internacional de Teatro para Autores Noveles Agustín González pola súa obra «Las palabras grandes». Iniciouse en Madrid en 1981 na arte cinematográfica, tras obter o título de director de fotografía no Taller de Artes Imaginarias (TAI). Deseguido, comezou a traballar como axudante de dirección cos mellores directores españois (entre os que destacan P. Olea, M. Camus, J. Chávarri) e internacionais (Terry Guilliam e Steven Spielberg). Tras escribir e dirixir curtametraxes, escribe e dirixe «Dáme lume» (1995), premio Goya ao Mellor director novel; «Dáme algo» (1998), Mellor director e mellor actor no Festival Internacional do Porto; e «A promesa» (2004), galardoada con diversos premios. Desde 2001 volve residir na Coruña onde tamén traballa en publicidade e como guionista para a Televisión de Galicia («Libro de familia» e «Matalobos») e para o cine, ademais de seguir dirixindo películas como «Personal Movie» (2011) ou as longametraxes documentais «Post Truth Times» (2017) e «Clown's Planet» (2021). O libro de relatos «Medos» (Xerais, 2021) é a súa obra máis recente na colección Narrativa.