Autor/a
Teresa Moure
Teresa Moure Pereiro é profesora de lingüística xeral na Universidade de Santiago de Compostela e autora das seguintes novelas: A xeira das árbores (2004), Premio Lueiro Rey 2004 e Premio San Clemente 2005; Herba moura (Xerais 2005), Premio Xerais de novela 2005, Premio Irmandade do libro á autora do ano 2005, Premio da Asociación de Escritores en lingua galega 2005, Premio Benito Soto á mellor novela do ano 2005 e Premio da crítica española 2005; Benquerida Catástrofe (Xerais, 2007); A casa dos lucarios (Xerais, 2007) e A intervención (Xerais 2010). Publicou ademais ensaios: Outro idioma é posible (2005), Premio Ramón Piñeiro de ensaio 2004; A palabra das fillas de Eva (2005), Premio da crítica de Galicia 2005, O natural é político (Xerais 2008), Ecolingüística (2011) e Queer-emos un mundo novo. Sobre cápsulas, xéneros e falsas clasificacións (2012), Premio Ramón Piñeiro de ensaio 2011. Obtivo o premio Rafael Dieste 2007 pola peza dramática Unha primavera para Aldara (2008, Xerais 2009), levada á escena por Teatro do Atlántico, e recoñecida co premio María Casares ao mellor texto orixinal 2009 e co Premio AELG 2009 a texto teatral. Tamén en teatro publicou Cínicas (2010). No eido do álbum ilustrado publicou dous textos dirixidos ás nais: Eu tamén son fonte (2008) e Mamá, ti si que me entendes! (2009), ilustrados por Leandro Lamas. Algunhas das súas novelas e ensaios foron traducidos a varias linguas. Para alén diso, a autora tira a forza para escribir das intervencións orais onde mostra o compromiso da súa obra co feminismo, coa ecoloxía e coa nación. Coordinou a obra colectiva "Bolxeviques (1917-2017), publicada en dous volumes diferentes por Xerais e Através.