Preparador
Xesús Alonso Montero
Xesús Alonso Montero (Vigo, 1928), catedrático de Literatura na Universidade de Santiago de Compostela e presidente da Real Academia Galega dende 2013, é filólogo, tradutor, conferenciante e autor de numerosos libros, estudos e traballos entre os que cabe destacar: "Cen anos de literatura galega" (1964); "Informe -dramático- sobre la lengua gallega" (1973); "Celso Emilio Ferreiro" (1982); "Decálogo da lingua galega" (1990); "Informe(s) sobre a lingua galega (presente e pasado)" (1991); "As palabras no exilio. Biografía intelectual de Luís Seoane" (Xerais 1994, 2002); "Ensaios breves de literatura e política" (1996); "Curros Enríquez no Franquismo (1936-1971)" (2003); "A Batalla de Montevideo. Os agravios lingüísticos denunciados na Unesco en 1954" (Xerais 2003); "Intelectuais marxistas en Galicia (1920-2006)" (Xerais 2006); "Páxinas sobre Rosalía de Castro (1957-2004)" (Xerais 2004); "Eduardo Jorge Bosco (Poemas en lingua galega)" (Xerais 2007); "Cartas de republicanos galegos condenados a morte (1936-1948)" (Xerais 2009); "Aníbal Otero. Lingüística e política en España na Guerra Civil e no franquismo" (Xerais 2011, Premio Losada Diéguez, 2012), "Castelao na Unión Soviética en 1938" (Xerais, 2012); "Pedro Petouto. Traballos e cavilacións dun mestre subversivo" (Xerais 2014) e "Xosé Filgueira Valverde: Biografía intelectual" (Xerais 2015). Unha escolma da súa obra xornalística foi recollida en "Beatus qui legit: artigos periodísticos (1998-1999)" (2000), publicación con motivo da concesión do Premio Roberto Blanco Torres 2000. Escolmou a súa produción lírica no libro "Versos dun fistor republicano, marxista, ateo e un pouco epicúreo" /Xerais 2017). Director do Centro de Estudos Rosalianos, é autor de centos de traballos sobre Rosalía de Castro e outros escritores.